A asociación para a conservación e estudo do lobo ibérico ASCEL e Verdegaia presentaron alegacións a ao parque eólico no alto do Rodicio promovida por Iberdrola e declarado incomprensiblemente viable pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. O proxecto emprazaríase nunha zona frecuentada por Águia real, unha especie catalogada en perigo de extinción na comunidade galega, razón suficiente pola que debería desbotarse o devandito proxecto. Estudos demostraron como parques eólicos poderían inducir até o 42% da mortandade anual desta rapaz ameazada.

Outras especies como o Bufo real, a Perdiz, o Sapiño pintoxo, o Furafollas, o Morcego de ferradura pequeno, o Morcego grande de ferradura, a Rata de auga e o Armiño foron obviadas no estudo de impacto ambiental; todas elas figuran no catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007 do 19 de abril). Ademáis doutras como a Tartaraña cincenta, a Gatafornela e a Águia caudal que figuran no catálogo nacional de especies protexidas (RD 439/1990). Consideramos que este feito é de relevante gravidade.

O lobo ibérico será outra das especies afectadas. A instalación dos aeroxeradores se realizaría na área de campeo dun grupo reproductor ameazando a viabilidade e utilización dunha zona de encame e reproducción a curto prazo. A proliferación de parques eólicos en áreas lobeiras (en case que todas as serras con presenza de lobo se construiron parques eólicos) está a supor unha terrible perda de hábitat para a especie, que pode ocasionar o abandono de parideiras tradicionais e irrecuperables. O lobo ibérico é unha especie de interese comunitario (Directiva 1992/43/CEE) e está catalogado como case ameazado. A Avaluación de Impacto Ambiental do proxecto nin sequer menciona a presenza do lobo na área de estudo.

O proxecto non aborda diferentes aspectos que poderían aumentar a súa repercusión na fauna local, como a súa situación na proximidade de crestas, vales, canóns ou en pendentes moi pronunciadas que pode producir unha maior mortandade aviar e dos quirópteros (Kingsley y Whittam, 2007). Tampouco se prevé a realización dun seguimento para analisar as colisións contra os tendidos eléctricos de evacuación. Diversos estudos sinalan mortandades de até 70 aves/ano de até 24 especies distintas (K.Bevanger & H. Broseth 2004). Estes feitos son de relevante gravidade se temos en conta a presenza du núcleo de Águia real que lembramos é unha especie en perigo de extinción.

Os proxectos de seguimento das afeccións dun parque eólico adoitan dotarse con fundos escasos e insuficientes para que estes se realicen de maneira axeitada con resultado de que a maioría das consultoras revisen os aeroxeradores con demasiado espazo de tempo o que fai pouco probable atopar quirópteros e aves rapaces seccionados polas aspas, e esa probabilidade diminúe aínda máis nas serras con presenza de carnívoros, como é o caso.

Por outra parte, volve a suceder a fragmentación dun macro proxecto eólico noutros máis pequenos para facilitar de maneira premeditada os trámites ambientais e tamén poder optar á prima eléctrica máis favorable ao toparse dentro do rango de instalacións de pequeno tamaño. Isto é especialmente grave se temos en conta que todo este proceder contravén a normativa reguladora da Avaliación do Impacto Ambiental, tanto europea, como española e autonómica.

A comunidade galega ten pendente unha ampliación da Rede Natura 2000, actualmente máis do 41% do negocio eólico se sitúa xa nesa rede de espazos supostamente protexidos causando serios prexuizos ao noso medio natural. É obvio que o goberno galego parece perseguir un aumento desenfreado das enerxías renovables en toda a comunidade sen ter en conta o noso patrimonio natural e cultural, un ben de toda a cidadanía galega.