Valentines Day :: 45 of 365

Outro ano máis volve o día de San Valentín, unha das datas consumistas máis sinaladas do ano. Así nolo fai saber a publicidade dos días anteriores, na que se nos mostran, máis o menos sutilmente, os agasallos de distintos produtos como forma obrigada de demostrar uns sentimentos. Ecologistas en Acción e Verdegaia quere poñer de manifesto que esta mercantilización dos sentimentos se engloba dentro dun modelo de sociedade no que cada vez son menos os aspectos ou mercadorías non susceptibles de ser mercados e vendidos.

Ecologistas en Acción e Verdegaia veñen sinalando a insustentabilidade desta sociedade consumista e queren denunciar a grave pegada de degradación social e ambiental dos costumes promovidos en datas como estas. Sen ir máis lonxe, as flores -agasallo típico- en moitos casos proceden de países como Colombia e Ecuador, onde son cultivadas por mulleres en condicións laborais precarias e que traballan expostas á toxicidade dos produtos fitosanitarios1.

A este fomento do consumismo e da mercantilización das relacións humanas contribúe decisivamente a publicidade, cada vez máis especializada na comunicación emocional, en asociar a marca a unha serie de valores e a un estilo de vida cos que se debería identificar a persoa consumidora. Neste sentido, a publicidade non só contribúe a vender máis produtos, senón que promove estilos de vida profundamente insustentables, tanto social e ambientalmente, baseados na dilapidación e trata de situar o consumo e a acumulación de bens no cumio da escala de valores e no obxecto das nosas aspiracións.

Ademais, non se pode esquecer o contexto da crise no que nos encontramos e as continuas mensaxes que recibimos, desde distintos ámbitos, de que o consumo nos axudará a superala. Ecologistas en Acción e Verdegaia lamentan esta insistencia e dubidan de que a receita máxica vaia ser máis do mesmo, xa que quedou claro que este modelo de consumo, irracional e insustentable, incrementa día a día o escenario de crise ambiental e social.

Ademais, queremos lembrar que nesta sociedade tan materialista son recoñecibles moitos dos signos de cansazo, insatisfacción e infelicidade: trastornos alimenticios por non poder cumprir o modelo de beleza, depresións, illamento, soidade, etc. Por todo isto, Ecologistas en Acción e Verdegaia propoñen dedicar o día de San Valentín a reflexionar sobre os xeitos de satisfacer as verdadeiras necesidades e carencias das persoas que queremos, substituíndo os clásicos agasallos por tempo para compartir, diálogo, coidados, comprensión, cariño, etc.

 


[1] Ver documental de FRONLINE/WORLD. Stories from a small planet

ECUADOR; FLOWER POWER

http://www.youtube.com/watch?v=nmD_yer0_lE