Máis de 20 empresas europeas serán xulgadas en Lima (Perú), do 13 ao 14 de maio, na segunda Sesión sobre Empresas Transnacionais Europeas en América Latina e Políticas Neoliberais do Tribunal Permanente dos Pobos (TPP), por violacións aos dereitos humanos en América Latina, entre elas ENCE, Unión Fenosa, BBVA e Banco de Santander.
Esta sesión do Tribunal Permanente dos Pobos realízase no marco de Enlazando Alternativas III, o Cumio dos Pobos convocado pola Rede Birrexional Europa, América Latina e Caribe, en paralelo ao V Cumio de Xefes de Estado e de Goberno da Unión Europa – América Latina e o Caribe (UE-LAC). A UE pretende avanzar nas negociacións de acordos bilaterais de libre comercio coas diferentes rexións latinoamericanas (América Central, Comunidade Andina de Nacións e MERCOSUR) e, así, garantir novos mercados para as empresas europeas.
En nome da competitividade, a estratexia comercial da UE "Europa Global: Competir no mundo" promove unha maior desregulación social, laboral e ambiental. Unha das prioridades da UE é eliminar as restricións dos investimentos para o acceso aos recursos naturais, e sobre todo enerxéticos. Ademais, o comercio internacional e o modelo agro-exportador son unhas das maiores causas da Mudanza Climática. Estendelos aínda máis supón o incremento de emisións de carbono e dos seus impactos globais. Totalmente contraditorio coas supostas pretensións do Cumio UE-LAC en Lima.
O Tribunal Permanente dos Pobos (TPP) foi constituído no 1979 en Italia, tres anos logo da adopción da Declaración Universal dos Dereitos dos Pobos (Alxer, 4 de Xullo 1976). As recentes sesións en América Latina revelaron unha situación de violacións sistemáticas de dereitos humanos, crimes de lesa humanidade e graves delitos ambientais. En 2006, a rede birrexional "Enlazando Alternativas" convocou unha sesión do TPP en Viena (Austria), onde se expuxeron os casos de 25 empresas transnacionais da UE. Testemuños vivos, acusacións xurídicas e investigacións exhaustivas revelaron o impacto das compañías en sectores como servizos públicos, infraestruturas, enerxía, recursos naturais, finanzas e alimentación. As denuncias evidenciaron as consecuencias negativas das súas operacións sobre o medio ambiente, os pobos indíxenas e os dereitos humanos.
Nesta segunda sesión que se realiza en Lima, sentadas no banco dos acusados estarán xigantes como Majaz-Monterrico Metals e Vale do Rio Doce no sector de minería e siderurxia, Roche e Boehringer na industria farmacéutica, Shell e Repsol YPF no sector de petróleo, Botnia e ENCE no complexo forestal-papeleiro, Syngenta nos agronegocios, Skanska e Thyssen Krupp na construción de infraestruturas, ETI-Telecom nas telecomunicacións, Unión Fenosa e Suez no sector de electricidade, Aguas de Barcelona e Proactiva (Veolia-FCC) no sector de auga, Unilever, Camposol, Cermaq Mainstream e Marine Harvest no sector de agroalimentación, Bayer polos seus agroquímicos, e o sector bancario representado por BBVA, HSBC e Santander.[1]
O Tribunal pretende non só amosar os impactos das empresas europeas, senón tamén visibilizar o armazón que sustenta o devandito réxime de impunidade; é dicir, os instrumentos (militares, políticos, xurídicos, financeiros) desenvolvidos e os actores que configuran este escenario (Gobernos da UE e América Latina, organismos internacionais como Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional e Organización Mundial do Comercio, etc.).
O Tribunal é unha estancia política-ética moi pertinente para axudar a evidenciar o dobre discurso da UE, "sacar a maior partida ao crecemento económico"(Barrosso) e "loitar contra a pobreza e as alteracións climáticas" ao mesmo tempo. As verdadeiras prioridades e intencións da UE marcounas o Comisario de Comercio da UE, Peter Mandelson, cando dixo: "Queremos garantir que as empresas europeas competitivas, apoiadas polas políticas internas adecuadas, deben poder gañar acceso aos mercados mundiais e operar neles con seguridade. Esta é a nosa axenda."
A sesión do TPP denuncia a non existencia de mecanismos legais efectivos para avanzar cara a un modelo económico e político no cal as transnacionais teñan obriga legal para responderen perante os seus crimes. O TPP é un instrumento de xustiza moi importante para a procura da verdade, a xustiza e a reparación integral das vítimas.[2]
A audiencia de Lima contribúe ademais á visibilización dos movementos sociais e as loitas cidadás en resposta ás violacións aos dereitos humanos das empresas transnacionais en ambos os dous continentes.
Notas:
[1] Información máis detallada atópase en:
http://www.enlazandoalternativas.org/spip.php?rubrique=3
[2] O TPP esta integrado por preto de 130 membros, nomeados polo Consello da Fundación Internacional Lelio Basso polo Dereito e a Liberación dos Pobos; son persoas dunha alta reputación moral absolutamente indiscutible; en situación de exercer a función xudicial a un alto nivel, ou ben homes de ciencia ou personalidades do mundo artístico, relixioso, político, avogados, escritores; expertos en dereito internacional, Dereitos Humanos, Dereito Internacional Humanitario. A base dos xuízos do TPP son as convencións de dereitos humanos, convencións internacionais e realízanse sen as ataduras que crean os poderes políticos; esta por fóra das estruturas xudiciais dos países e representan dalgún xeito a conciencia ética dos pobos, da humanidade.