roteiro-pico-sacro-xaneiro-2012.jpgO pasado domingo 22 de xaneiro perto de 50 persoas participaron nunha actividade organizada por Verdegaia dentro do seu programa anual “Vai de Roteiros”. Desta volta o roteiro tiña por obxecto o ascenso ao Pico Sacro, nas proximidades de Compostela. Tras achegarmos a Lestedo en autobús, o grupo ascendeu a pé ata o cumio guiado polas explicacións dun xeógrafo experto en paisaxe. Neste roteiro tratouse o concepto fundamental de paisaxe cos elementos que o conforman como a paisaxe construída, a vexetación potencial, os elementos condicionantes morfolóxicos e os fenómenos fundamentais que modifican a paisaxe tradicional.

Para comezar fixemos unha parada no Centro de Interpretación do Pico Sacro, que ofrece información sobre a natureza e aspectos patrimoniais e culturais do entorno e que, como non, está a padecer a crise e os recortes. Tras esta visita continuamos o camiño.

Durante o percorrido houbo tempo para falar das modificacións que está a padecer a paisaxe e modos de vida do rural baixo a presión do urbanismo difuso ou as grandes infraestruturas como o tren de alta velocidade. Tamén da presenza de flora típica de climas mediterráneos polas características climáticas da zona ou de especies invasoras como a herba da Pampa.

Ao chegar ao pico puidemos coñecer algo máis sobre a súa formación xeolóxica, as lendas da raíña Lupa ou as achegas do club espeleolóxico O Mauxo, quen ten demostrada a orixe natural das covas formadas nesta montaña. Por desgraza tamén puidemos contemplar en toda a súa extensión os danos que ao entorno ten provocado a eucaliptización masiva, a minaría e a presenza das vías do AVE. O que non foi posible apreciar en toda a súa expresión foron os mares de néboa formados por efecto da inversión térmica en zonas do val do Ulla ou na fin da ría de Arousa.

Tras un xantar colectivo no propio cumio regresamos cara Lestedo e dende alí a Compostela. Hai que facer especial mención ao sinxelo que foi organizar este roteiro en transporte público. Animámosvos a que se queredes achegarvos ao Pico Sacro o fagades deste xeito e non con automóbiles particulares.

roteiro-pico-sacro-xaneiro-2012.jpg