submarino_nuclear.jpgEcologistas en Acción pide ao Ministerio de Asuntos Exteriores que esixa explicacións aos Gobernos francés e británico e as transmita á cidadanía española, ante o choque dos dous submarinos nucleares francés e inglés, que tivo lugar a finais do mes pasado. Este choque, que puido acontecer non lonxe das costas ibéricas, supuxo un enorme risco de contaminación radiactiva. 

Para Ecologistas en Acción estamos perante unha cadea de feitos inadmisibles: o choque dos submarinos en si, co perigo que iso supón e co improbable que resulta, o seu mantemento en segredo, o que impediu que as autoridades de terceiros países puidesen tomar medidas precautorias ante un posible escape radiactivo, e a ocultación da posición do choque, que puido non ser lonxe das costas españolas e portuguesas.

É imprescindible que as autoridades británicas e francesas dean explicacións ás autoridades españolas e á cidadanía. O choque destes dous submarinos que portaban unha potencia en armas nucleares equivalente a 1280 bombas como a lanzada en Hiroshima, produciuse en circunstancias estrañas xa que a probabilidade dunha colisión como esta por causas fortuítas é ínfima.

Perigo de escape radiactivo

A colisión supuxo un enorme perigo de escape radiactivo. Tanto pola posible rotura dos seus motores atómicos, que tería contaminado severamente a zona, como por posibles escapes de auga radiactiva ou polo escape dos materiais fisibles das bombas nucleares que portaban os submarinos. A gravidade do posible escape tería sido enorme e a posible extensión da contaminación dependería da dirección das correntes da zona. O mesmo que aconteceu co afundimento do Prestige, non é descabelado que as correntes mariñas tivesen traído a radiactividade ás costas españolas, causando unha severa contaminación radiactiva.

Alén diso, os Gobernos francés e británico mantiveron en segredo a colisión, o que incumpre a obriga de avisar aos posibles afectados en caso de incidente nuclear. Por este motivo e os anteriores, o Ministerio de Asuntos Exteriores debe esixir explicacións e responsabilidades aos devanditos gobernos e debe trasladar estas explicacións aos cidadáns españois.

Desgrazadamente non é este o primeiro incidente con armamento nuclear que afecta ao Estado español. En Palomares, en 1966, produciuse un accidente de aviación que motivou a perda de 4 bombas nucleares, dúas das cais rompéronse e contaminaron gravemente a zona. Contaminación que perdura hoxe en día. Máis recentemente, produciuse a avaría do submarino Tireless, en 2004, que verteu auga radiactiva nas augas territoriais españolas e finalmente foi reparado en Xibraltar. Este tipo de naves e avións armados con armas nucleares son un perigo para a seguridade da poboación e o medio ambiente. Pero ademais, o obxectivo dos gobernos do mundo debería ser prescindir das armas nucleares que non fan senón aumentar a inseguridade no noso mundo.