O Programa pola Terra recolle unha serie de propostas para que as diferentes forzas políticas as integren na súa acción de goberno ou de oposición durante a vindeira lexislatura. É un documento promovido por Amigos da Terra, a Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) -da que forma parte Verdegaia- e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).
O vindeiro 1 de marzo celebraranse eleccións autonómicas en Galicia. A Xunta ten transferidas e recoñecidas amplas competencias para contribuír a acadar un futuro sustentable para o noso país. A amplitude da crise ambiental global é de tal magnitude que require unha mudanza gradual pero radical nas políticas desenvolvidas por tódalas Administracións e, particularmente, pola Xunta de Galicia. Galicia contribúe a esta crise ambiental e é, cunha pegada ecolóxica moi elevada, un exemplo de insustentabilidade: arestora a poboación e o tecido socioeconómico galegos precisan dunha superficie do planeta equivalente a 5 "Galicias".
O Programa pola Terra formula unha ducia de propostas para a próxima lexislatura que permitirían avanzar cara a unha conversión ecolóxica da economía galega, mellorando a calidade de vida dos galegos e galegas sen destruír o medio ambiente a escala global e local. As propostas baséanse en tres principios:
– O actual modelo económico e social é inxusto e insustentable.
– É necesario un compromiso de mudanza de dimensións estratéxicas.
– Participación e transparencia non poden quedarse só en verbas.
Verdegaia participou na redacción do Programa pola Terra achegando numerosas suxestións que constitúen en boa medida a base do documento final. O contido do Programa pola Terra foi até agora e seguirá sendo no futuro un referente para o labor cotián da nosa asociación.
A aplicación do Programa pola Terra suporía un xiro radical a respecto da acción de goberno desenvolvida durante a presente lexislatura. Verdegaia vén de denunciar que a sustentabilidade tampouco foi un obxectivo fundamental das políticas autonómicas durante os últimos catro anos. O Goberno bipartito mesmo incumpriu compromisos importantes a favor do medio ambiente do seu propio programa.
As doce propostas
Estes son os enunciados das doce propostas:
1. Reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) de forma que en 2012 non superen nun 15% as de 1990.
2. Decrecer o consumo de enerxía e promover máis as renovables sen destruír o territorio.
3. Establecer unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas e aprobar un Plano Integral de Transportes sustentable.
4. Aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o crecemento urbanístico e defenda a costa.
5. Defender a soberanía alimentaria e o equilibrio territorial para manter un mundo rural e mariñeiro vivos.
6. Parar a perda de diversidade biolóxica.
7. Implantar unha nova cultura da auga.
8. Pechar a incineradora de SOGAMA no 2017 e promover a redución e a reciclaxe dos residuos urbanos.
9. Avanzar na democracia participativa.
10. Fortalecer a cooperación internacional para o desenvolvemento sustentable.
11. Impulsar a contratación pública verde.
12. Facer unha reforma verde do sistema fiscal autonómico.
Máis información: