Vivimos tempos de crise ecolóxica global, aumento das desigualdades e erosión das liberdades, tempos de dominio das empresas transnacionais, de imposición do mercado sobre persoas, pobos e Estados, sobre especies, espazos e biosfera. Todo está á venda ou así se pretende, todo é submetido á procura do beneficio, do lucro, da acumulación de cada vez máis riqueza en cada vez menos maos.

Crise ecolóxica global, pobreza, guerra global permanente, control social… están interrelacionados e teñen causas estruturais cunha mesma orixe: ese industrialismo que hoxe coñecemos en forma de globalización capitalista/neoliberal. Un sistema antropocéntrico, etnocéntrico e patriarcal; curtopracista, produtivista e tecnoentusiasta; ambiental e socialmente devastador; insustentábel e autodestrutivo.

As minorías privilexiadas globais acaparan materias primas e riqueza, ao tempo que desprazan as cargas ambientais e sociais cara o resto da humanidade e as xeracións futuras, xerando pobreza. Galicia, pola súa condición de periferia no Estado español e na Europa, debería ter unha especial sensibilidade con respecto a esa inxustiza estrutural, a ese intercambio desigual no que as persoas e pobos desfavorecidos malvenden a súa mao de obra e recursos naturais, receben as industrias máis poluíntes, destrúen e ven destruír o seu contorno, expulsan á poboación nova e mellor formada… mais non é así.

Por moi desfavorecida que poda aparecer no contexto español e europeo, Galicia é parte desa minoría privilexiada global que devora o planeta e o futuro, que se enriquece a custa de empobrecer á grande maioría da humanidade, ao conxunto da biosfera e ás xeracións futuras. Salvo contadas excepcións, a humanidade toda é xa parte do industrialismo, mais non todos os seres humanos temos a mesma responsabilidade en fenómenos como a crise ecolóxica global, a pobreza ou a fame. Quen facemos parte da minoría privilexiada global temos unha responsabilidade especial.

A degradación ambiental que sofre o noso país non é allea á crise ecolóxica global, e viceversa. Inxustiza social e degradación ambiental están estreitamente relacionadas. Os nosos hábitos teñen consecuencias locais e globais, achegadas e alonxadas no tempo. Vivimos nun mudo imposíbel, dominado por fortes tendencias (auto)destrutivas, pero as cousas non teñen porqué ser así. Podemos construir Galicia doutra forma, desde a empatía e a solidariedade, desde a sustentabilidade ambiental e a xustiza social, aprofundando na democracia participativa, exercendo a cidadanía, defendendo a dignidade.

Cumpren cambios globais, estruturais, colectivos… pero tamén locais, parciais, individuais. É necesario mudar hábitos, políticas e regras de xogo e isto só será posíbel con cidadanías fortes, organizadas e sensibilizadas, responsábeis, que pensen globalmente e actúen tanto local como globalmente.

Promover unha transformación social e global baseada na sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social requer cidadanías fortes. Construír unha cidadanía forte implica fuxir do localismo e a atomización; autoorganizarse e tecer redes, nacionais e transnacionais; desenvolver un traballo rigoroso, de cualidade e viábel, que supere o voluntarismo; xerar sinerxías que melloren a capacidade de análise, denuncia, difusión, mobilización, presión e desenvolvimento de alternativas.

Amarante e Verdegaia son dúas organizacións nascidas para afrontar os mesmos retos desde diferentes movimentos sociais e con análises ideoloxicamente próximas. Desde a cooperación internacional unha, desde o ecoloxismo social a outra, Amarante e Verdegaia surxen como dúas entidades que apostan pola autoorganización da cidadanía galega para avanzarmos na construción da sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social.

Verdegaia e Amarante son expresións da autoorganización da cidadanía galega. Sen ataduras, sen dependencias partidarias, gobernamentais ou empresariais. Apartidarias, pero non apolíticas. Nascidas en Galicia e organizadas a nível galego, sen que isto impeda colaborar con organizacións doutros países e ámbitos ou integrarse en entidades máis amplas, de ámbito estatal, internacional ou transnacional.

Amarante e Verdegaia queren xerar ese tipo de sinerxías transformadoras, e por iso deciden estreitar os seus lazos de colaboración. Esta unión de forzas e apoio mútuo posibilitarán unha maior presenza e capacidade de incidencia de ambas organizacións, farán máis posíbel avanzar na construción dunha alternativa emancipatoria, galega e global, ao industrialismo.

Deste xeito, ambalas dúas organizacións inician un acordo de colaboración a nivel nacional para fomentar o tecido asociativo, a incidencia social e a presión política que se concretan en campañas conxuntas dentro do consumo responsable e sustentable como roupa limpa ou a soberania alimentaria ata compartir espazos de traballo e locais conxuntos para conquerir o noso obxectivo de dinamización da sociedade e da transformación social