con_soberania_sen_transxenicos.jpgAmigos de la Tierra, COAG, Ecologistas en Acción e Greenpeace presentaron unha Declaración de persoalidades e organizacións sociais sobre as aplicacións da biotecnoloxía na modificación xenética de plantas, perante a ameaza que representan para a agricultura e a sustentabilidade. Verdegaia sumouse a esta Declaración que denuncia os perigos e impactos da introdución dos transxénicos.

 

Este documento recibiu o apoio de  investigadores, docentes universitarios, organizacións agrarias, asociacións ecoloxistas, de consumo, de produción de agricultura ecolóxica, ONG de desenvolvemento e entidades privadas, entre outras.

Éste é un momento chave no debate sobre os transxénicos. Mentres Francia súmase aos estados da UE que prohíben o cultivo de millo transxénico, baseándose nunha serie de informes científicos que alertan sobre os impactos ambientais sobre a flora e a fauna e as incertidumes sanitarias, o Estado español segue sendo o principal produtor de millo transxénico, con máis de 75.000 hectáreas cultivadas en 2007.

Os elementos científicos que orixinaron a decisión do Goberno galo amosan unha serie de consecuencias dos millos tipo Bt (entre eles o que se cultiva en España, o MON 810) sobre o medio ambiente e a saúde, como a imposibilidade de evitar a contaminación a outras explotacións agrarias, a xeración de resistencias en pragas e os efectos tóxicos sobre varios tipos de organismos presentes nos ecosistemas, o cambio na caracterización molecular (o xene que se comercializa non é o que se aprobou en 1998, mudou, e polo tanto moitos efectos sobre o medio ambiente descoñécense), os impactos sobre os polinizadores, a toxicidade a longo prazo sobre seres humanos, a persistencia das toxinas producidas, etc.

As organizacións promotoras desta Declaración esperan que sirva para impulsar un debate fundamental como é o  da introdución dos transxénicos, que o Goberno español tome nota da abrumadora oposición social fronte á súa imposición na agricultura e a alimentación e que o Ministerio de Agricultura reconsidere a súa aposta transxénica e oriente a agricultura cara a  solucións ambiental e socialmente sustentables.

Le a Declaración e a relación de asinantes:

Declaración de persoalidades e organizacións da sociedade civil sobre as aplicacións da biotecnoloxía na modificación xenética de plantas, perante a ameaza que representan para a agricultura e a sustentabilidade 

Lista de asinantes