O núcleo comarcal de Verdegaia en Compostela coida que o acordo subscrito por PSdG-PSOE e BNG para o goberno da cidade de Santiago carece dun compromiso serio coa sostibilidade ambiental, malia o obxectivo xeral de construír unha “cidade habitable e sostible”. Desde o punto de vista da sostibilidade, o acordo é contraditorio e decepcionante. Xunto a accións positivas, por exemplo en materia urbanística, recóllense outras claramente insostibles, especialmente no que respecta ao transporte.
O goberno municipal de Santiago debe ser moito máis ambicioso e coherente co obxectivo da sostibilidade se aspira a algo máis que a recibir recoñecementos como o outorgado en 2006 polo “Instituto para a Sostibilidade dos Recursos”, fundación privada xurdida a partir do Clube Español dos Residuos (CER), coñecido pola súa defensa da incineración dos residuos. Desde a asociación ecoloxista Verdegaia queremos salientar os seguintes aspectos do acordo para o goberno da cidade:
Unha Axenda 21 Local simbólica?. Logo de incumpriren na pasada lexislatura o compromiso de implantaren unha Axenda 21 Local (A21L) para o desenvolvemento sostible, as forzas políticas que sustentan o goberno municipal volven prometer “implantar a Axenda 21L”. Ao estaren xa elaborados o Plano Xeral de Ordenamento Municipal e o Plano Estratéxico de Compostela, o papel reservado á Axenda 21L semella máis ben simbólico e limitado a algúns aspectos de protección ambiental. Por outro lado, non se recolle o compromiso de facelo cunha ampla participación social.
Accións positivas en urbanismo e vivenda. Apoiamos medidas como o fomento da eficiencia enerxética nas novas vivendas, os avanzos na rehabilitación de vivendas fóra do casco histórico, ou a posta en marcha das “medidas legalmente posibles para mobilizar o parque de vivendas baleiras”. Verdegaia-Compostela, que formou parte da plataforma que esixiu a súa creación, tamén se felicita polo compromiso de levar adiante o proxecto da praza dos Salgueiriños. Asemade, respalda a remodelación da praza de Galicia, agardando que se faga en beneficio das persoas e non dos coches.
Afondando na insustentabilidade do modelo de transporte. O acordo insiste en medidas politicamente cómodas e ambiental e economicamente custosas que fomentan o tráfico, empeorando a calidade de vida e contribuíndo ao cambio climático. A experiencia amosa que a aposta por novas infraestruturas ao servizo do automóbil privado (ampliación da AP-9 e da ponte da Rocha, soterramento da rotonda de Conxo,…) só consegue melloras momentáneas do tráfico. Se non muda a política de infraestruturas e non hai coraxe para disuadir o uso do coche, de pouco servirían as medidas prometidas para a mellora do transporte público. Ademais, algunhas destas son pouco cribles, ou semellan unha broma, como a de “realizar estudos” para a conexión mediante tren de proximidade co aeroporto, con Bertamiráns, con Milladoiro e con Cacheiras, medida positiva xa incluída, e esquecida, no acordo de goberno asinado polos mesmos partidos hai 4 anos (coa excepción de Cacheiras). Chama a atención a falta de referencias ao fomento do uso da bicicleta, malia o protagonismo que tivo durante a campaña electoral.
Compromisos vagos. Esperamos que a falta de concreción de medidas para o aforro enerxético ou a redución do consumo de auga non sexan un sinal de compromiso débil. Neste senso, tería sido bo incluír medidas como a creación dunha Axencia Local da Enerxía ou unha nova política tarifaria da auga que penalice o desbaldimento.
Continuismo na política de residuos. O compromiso cos 3 R (redución, reutilización e reciclaxe) carece de concreción e parece máis ben retórico. As forzas gobernantes renuncian a promover a reciclaxe de toda a materia orgánica (compostaxe), pois a planta de compostaxe prevista será tan só para tratar os residuos de parques e xardíns. O destino principal do lixo seguirá a ser a incineración, é dicir, SOGAMA, á que, como recoñeceu o alcalde, Santiago se adheriu porque a Xunta anterior condicionaba a iso “o seu apoio ao Xacobeo, ao Consorcio, á Cidade da Cultura, e ao polígono da Sionlla”.
Para cando a nova depuradora?. Verdegaia-Compostela agarda que o Concello poña todo o seu empeño en que Santiago teña canto antes unha depuradora capaz de depurar todas as augas residuais, que hoxe se verten parcialmente sen depurar desde a depuradora da Silvouta. No acordo para a lexislatura pasada fixábase o obxectivo de iniciar a construción da nova depuradora no 2005.
Un parque inadecuado para as Brañas de Sar. A cidade de Santiago ten unha boa dotación de zonas verdes, mais poucos contornos cun certo valor natural. Por iso, consideramos inapropiado o parque recreativo-deportivo previsto para as Brañas de Sar, pois non é respectuoso con este espazo. Asemade, botamos en falla accións específicas destinadas á conservación da biodiversidade no termo municipal.
Avanzo na cooperación ao desenvolvemento. É un avanzo moi importante que o Concello pretenda dedicar o 0,7% dos investimentos municipais a cooperación.
Falta de compromiso coa participación social. O compromiso para fomentar a participación social é insuficiente, polo que percibimos que non se tomou boa nota do importante nivel de abstención rexistrado nas últimas eleccións municipais. Neste senso, é un sinal negativo que non figure ningunha referencia concreta aos orzamentos participativos, implantados xa nalgunhas cidades españolas e europeas. Hai 4 anos, PSOE e BNG comprometeranse a poñelos en marcha ao longo de 2005.