O Núcleo Comarcal de Verdegaia en Compostela desexa facer público o recoñecemento e parabéns á corporación municipal de Oroso, pola comprometida mudanza nos criterios de mobilidade sustentábel (ciclista e peonil) introducidos na aprobación definitiva do Parque Empresarial San Martiño II. Estanse a ver xa obras en execución dos itinerarios municipais de conexión e continuidade co futuro polígono.

Un estudo de impacto ambiental que desbotara camiñar e a bicicleta

En setembro de 2007 saía a exposición pública o estudo de impacto ambiental para o novo parque empresarial determinando literalmente que "outras formas de mobilidade como a bicicleta ou o pé non poderían considerarse alternativas ao sistema motorizado". Con esta desatinada afirmación eliminaba calquera consideración para ciclistas e peóns, e sustentaba un planeamento orientado exclusivamente aos desprazamentos a motor, cun deseño altamento agresivo para o ambiente e as persoas.

16 motivos e colaboración norueguesa

Verdegaia apresentou alegación a este proxecto aludindo primeiro a termos que o propio estudo recollía como a proximidade aos núcleos de poboación "a 1500m de Sigüeiro" (menos de 8 minutos en bicicleta), a orografía "o terreo preséntase en suave aba", en referencia ás temperaturas "soporta un microclima tendendo á suavidade térmica", a demografía "unha poboación nova dinámica e en alza" máis disposta a prácticas alternativas, e a referencia a disposicións legais que esixen limitar as emisións de CO2 nos accesos dos até 2000 postos de traballo previstos. 

No referente á pluviosidade Verdegaia puxo como exemplo a cidade de Bergen en Noruega con altos índices de utilización da bicicleta malia unha pluviosidade un 12% superior á de Oroso. Achegaronse os datos fornecidos a Verdegaia por representantes do Concello de Bergen que se mostraron con moito interese en partillar as súas experiencias no fomento (aínda máis!) do uso da bici como unha práctica a prol da sustentabilidade ambiental, a saúde da poboación  e en definitiva o incremento da calidade de vida das persoas. Naquela altura Verdegaia presentaba un informe cun total de 16 motivos xustificados e razoados.

Reformulación radical

En maio de 2008 o Concello aprobaba en pleno o parque empresarial aceitando as alegacións, modificando polo miudo a mobilidade do proxecto e incluíndo a bicicleta e o camiñar como alternativas reais.

O proxecto aprobado inclúe criterios específicos para o deseño dos itinerarios peonís e de bicicleta para "armar unha estrutura viaria alternativa" e estimula as xestións para que o Concello asuma actuacións externas que den continuidade ao planeamento do polígono a medio de tres roteiros, nomeadamente: Estación de Oroso a Sigüeiro, Vilanova a Barreiro e o Camiño Inglés.

Internamente establécense zonas de vias segregadas para a bici, vias de paso exclusivas aproveitando zonas verdes e o corredor do gasoduto, e zonas de aparcadoiro de bicis con situación estratéxica para optimizar os accesos a todas as zonas incluso as de industria pesada. Prevese tamén un plano periódico de seguimento ambiental con enquisas para avaliar o emprego dos medios alternativos de mobilidade.

Fixéronse planos específicos e modificaronse outros para recoller estas cuestións, e en todos os contidos de mobilidade aos que fai referencia a memoria técnica tense en conta o camiñar e a bicicleta como un medio máis de comunicación e mobilidade.

Unha aposta decidida, rigorosa e comprometida

Despois de avaliar polo miudo o proxecto modificado, a asociación ecoloxista Verdegaia valora moi positivamente a resolución da corporación municipal de Oroso e o equipo de arquitectura de Monteoliva para actuar no San Martiño II con rigorosidade técnica e uns criterios sustentábeis que de seguro van posibilitar unha actuación industrial respectuosa co ambiente natural e coa saúde e calidade de vida das persoas.