Demandan que os desbroces se cingan únicamente aos sitios onde está o mobiliario urbano.
Con data do 30 de maio, membros de Verdegaia e da SGHN de Ferrol presenciaron o desbroce da trasduna do areal de Doniños (Ferrol), entre Outeiro e o aparcadoiro grande, por medio dun grande tractor que portaba o logotipo do Concello de Ferrol, ao parecer como ampliación da área de esparcimento lúdico.
A zona afectada está constituida maiormente por unha braña incluida no Inventario de Humidais de Galicia e no LIC Costa Ártabra, trala ampliación efectuada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Rede Natura 2000.
O desbroce reiterado da zona hidromorfa, ademáis de ocasionar unha perturbación á fauna asociada (paseriformes, anfibios, réptis,…), contribue a acelerar o proceso de colmatación da braña, ao ficar sobre o terreo unha capa de restos vexetais triturados (efecto mulching) que, se non se retiran tras cada desbroce, modifican, ao cabo dun tempo, o estrato vexetativo que motivou a inclusión desta zona na Rede Natura, sustituíndose gradualmente as especies botánicas de interese comunitario por outras máis comúns asociadas a medios antropizados. Asimesmo, o emprego de maquinaria pesada contribue a endurecer o terreo producíndose un efecto de podsolización, que dificulta o normal desenvolvimento da vexetación.
Desde Verdagaia e a SGHN demandamos que os desbroces, de ser absolutamente necesarios, se cingan únicamente á zona onde se atopa o mobiliario urbano (mesas, bancos e xogos infantís), ficando excluida o resto da zona protexida. De todos xeitos, somos partidarios de que se traslade o mobiliario urbano a outra zona fora do ámbito protexido.
Como medida preliminar para reparar, en certo modo, o dano causado, tamén pedimos que se retire manualmente (con enciños, basoiras de xardineiro, sopladores, etc.) a capa de restos vexetais triturados que ficaron tras o paso da máquina desbrozadora e baixo a supervisión de técnico competente.
Tamén esiximos que se depuren responsabilidades.