Verdegaia valora como un éxito esta primeira actividade reivindicativa, tanto polo número de asistentes, aos que agradecen a súa participación, como pola riqueza das intervencións dos/as expertos/as, e anuncian que continuarán con este tipo de mobilizacións despois do verán. Á marcha acudiron persoas provenientes de toda a xeografía galega (A Coruña, Santiago, Cangas, etc.) e de diversos puntos da comarca ferrolá. En concreto, 50 persoas (e unha cadela) realizaron o percorrido a pé pola fraga de Pico Vello, atendendo á convocatoria realizada por dez asociacións ecoloxistas e cidadás de Ferrol e comarca, entre as que figuraba tamén o Concello da Capela.
O obxectivo deste roteiro era protestar contra a pretendida instalación nesa zona dunha mina de andalucita por parte da empresa Picobello S.L., de capital anglo-surafricano. Os colectivos que convocaban a marcha consideran que esta zona debe non só verse libre deste tipo de agresións, senón ser dotada dalgunha figura de protección, como podería ser a súa inclusión no limítrofe Parque Natural das Fragas do Eume.
Un roteiro formativo
Antes de emprender a marcha, o xeólogo Francisco Canosa, da universidade de Salamanca, falou sobre a orixe da andalucita no coñecido como “plutón” do Forgoselo, sobre a súa presencia noutras zonas de Galicia e sobre as súas aplicacións na fabricación de materiais refractarios.
Máis tarde durante o percorrido, Piedade Viñas, da Sociedade Galega de Historia Natural, falou sobre a riqueza florística destas fragas, en especial no referido a liques, felgos e fungos. Como exemplo mencionouse a presencia no Rego Cernadas do felgo macaronésico Dryopteris aemula, que os visitantes puideron admirar no seu propio hábitat.
Así mesmo, Secundino García, director do Museo Etnográfico da Capela, informou aos asistentes sobre os valores etnográficos e culturais destas fragas e sobre o seu aproveitamento sostible tradicional por parte dos habitantes da zona en varios eidos: o aproveitamento dos soutos, a xestión dos regadíos, o funcionamento dos muíños e a fabricación de carbón vexetal.
Un espazo a protexer
As organizacións promotoras do roteiro veñen reclamando dende hai anos a inclusión da Serra do Forgoselo dentro do Parque Natural das Fragas do Eume. Así mesmo a inclusión da zona de Pico Vello (incomprensiblemente excluída do parque natural) xogaría un papel moi importante como “corredor ecolóxico”. Por isto instan á Xunta a rexeitar este proxecto de explotación, que suporía a destrución da fraga de Pico Vello e do Rego Cernadas, e afectaría gravemente ao parque natural e ao Río Belelle.