Verdegaia apresenta o documento “Un Estatuto para a Sustentabilidade. Unha Galiza para a Convivencia” no que a asociación ecoloxista recolle o seu posicionamento perante a redacción dun novo Estatuto. Verdegaia aposta por un proceso participativo de redacción do Estatuto, así como por unha forte presenza da sustentabilidade ecolóxica acompañada de xustiza social.

Verdegaia entende que a redacción dun novo Estatuto de Autonomía é unha ocasión especial que debería ser aproveitada para realizar unha profunda e serena reflexión sobre qué país é o que queremos e cómo o queremos construír. Un Estatuto é muito máis do que unha listaxe de competencias ou unha garantía de financiamento, e o debate neste proceso debería ir alén da identidade e o encaixe de Galiza no Estado.

Verdegaia defende un proceso de redacción participativo e abordado desde a responsabilidade, a xenerosidade e a altura de miras. A asociación ecoloxista aspira a que a nova primeira norma galega teña unha ollada global e sexa útil para afrontar retos como os derivados da globalización neoliberal e a crise ecolóxica global, para o que achega as súas propostas, que serán apresentadas ao Presidente e Vicepresidente da Xunta, á Presidenta do Parlamento e aos partidos políticos e grupos parlamentarios. Algunhas desas achegas recóllense de seguido:

Principios, direitos, deberes e institucións
– Desenvolvimento baseado na sustentabilidade. Combate do cambio climático. Defensa da biodiversidade.
– Galiza Zona Non-Nuclear e Libre de Organismos Modificados Xeneticamente
– Consideración e respecto polos demais habitantes do planeta e as xeracións futuras
– Direito a un ambiente saudábel e á seguranza alimentaria. Avanzo na soberanía alimentaria
– Deber de protexer o ambiente e de usar de modo responsábel os recursos naturais
– Criazón da figura d@ Valedor(a) da Terra e as Xeracións Futuras
– Transformación do Consello Económico e Social nun Consello Económico, Ecolóxico e Social.

Competencias
A ampliación do autogoberno debe ir acompañada de avanzos en sustentabilidade.
– Competencias exclusivas en ordenamento do territorio e urbanismo, xestión do dominio público marítimo-terrestre, xestión dos espazos naturais protexidos e avaliación ambiental.
– Capacidade de estabelecer tributos ambientais
– Garantía de participación galega axeitada na xestión de bacías hidrográficas intercomunitarias

Participación cidadá
Goberno e Parlamento galegos deben facer un esforzo real e sincero de promoción da participación cidadá neste proceso.
– Criazón dunha páxina web através da que poder enviar achegas, con información sobre o traballo de redacción, borradores, as diferentes propostas, o Estatuto vixente…
– Posibilidade de apresentación de emendas aos borradores por parte das organizacións sociais

Verdegaia contempla con preocupación como asuntos da importancia da participación cidadá, a sustentabilidade ou a ollada global son mantidos á marxe do debate partidario, mesmo nos acordos entre os socios de goberno.

un estatuto para a sustentabilidade.pdf un estatuto para a sustentabilidade.pdf (42.00 KB)