explosion_libano.jpgMáis unha vez recrudécese a violencia no Oriente Próximo. De novo a poboación civil é a primeira en padecer os ataques armados. Verdegaia defende a construción da paz, tamén naquela rexión, e un primeiro paso neste camiño é o respecto polos Direitos Humanos e a legalidade internacional vixente.

O Estado de Israel continúa a actuar impunemente, atacando á poboación civil, á ONU e á Cruz Vermella, violando os Direitos Humanos, as Convencións de Xenebra e as Resolucións de Nacións Unidas, cometendo crimes de guerra co apoio incondicional dos Estados Unidos. O comportamento israelí é intolerábel, e o feito de que se veña reproducindo durante décadas sen consecuencias para este Estado –evidenciando a existencia de diferentes varas de medir–, está a servir como caldo de cultivo para novos e maiores recursos á violencia, para alimentar unha espiral da violencia con graves consecuencias locais e globais.

Con todo, rexeitar as accións promovidas polo goberno de Israel e solidarizarse coas poboacións de Palestina e o Líbano non supón dar por boa calquer resposta surxida destas sociedades e os seus gobernos. A defensa da poboación civil, como a esixencia de respecto polos Direitos Humanos e a legalidade internacional vixente, debe ser dirixida a todos os actores na zona con algunha responsabilidade.

Verdegaia convídate a apoiar a ciberacción de Amnistía Internacional pola Fin dos Crimes de Guerra en Oriente Próximo, así como a participar nas convocatorias que surxan en solidariedade cos pobos palestiniano e libanés; na defensa da poboación civil, o respecto polos Direitos Humanos e a legalidade internacional; contra a impunidade israelí e estadounidense… pola paz no Oriente Próximo.

Máis información:
Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional