Os 32 colectivos abaixo indicados, que formamos parte da Plataforma 2018 queremos manifestar o noso máis sincero e impetuoso apoio á MARCHA CONTRA CELULOSAS que se levará a cabo este sábado 21 de xuño, a partir das 19:30 horas, e que terá saída das Alamedas de Pontevedra e Marín.Marcha celulosas

Concordamos plenamente co manifestado pola APDR en que as intencións de ENCE e ELNOSA pasan por prorrogar a súa estancia na Ría máis alá de 2018 e que conta coa autorización oculta do Partido Popular. De non ser así, non é comprensible que a modificación da Lei de Costas permita a concesión de prórrogas a ENCE de ata 60 anos.
Así mesmo, debemos decatarnos que estas prórrogas supoñen a privatización dun espazo público que debe ser para o desfrute da poboación, fronte ao lucro dunhas empresas privadas que destrúen máis recursos naturais e máis empregos dos que chega a producir coa súa continuidade.

Polo tanto, chamamos á poboación a saíren á rúa este sábado coa APDR para loitarmos polo que cremos necesario, que é a saída inmediata deste macro-complexo ENCE-ELNOSA, que pretende seguir ríndose ás gargalladas de nós outros tantos anos na nosa ría, usurpando o que é noso, destruíndoo e fagocitando as economías marisqueira e forestal. Non permitamos este atropelo: non todo vale.

 

ENCE-ELNOSA FÓRA DA RÍA!

ADEGA, ALMUINHA, AMARANTE, AMIG@S DA CULTURA, ANOVA-MARÍN, ANOVA-PONTEVEDRA, APDR, ASOCIACIÓN CULTURAL A REVIRA, ASOCIACIÓN CULTURAL EN PÉ, ASOCIACIÓN CULTURAL PARA O DEBATE RICARDO GÓMEZ BUCETA, BLOQUE SOCIAL, BNG, CANHÓN DE PAU, CAUSA GALIZA, COLECTIVO NACIONALISTA DE MARÍN, EQUO, ESPAZO ECOSOCIALISTA, FEDERACIÓN CASTELAO, FEG, FUNDACIÓN ALEXANDRE BÓVEDA, GALIZA NOVA, ISCA!, NÓS-UP, ORGACCMM, PARTIDO DA TERRA, PAVÍS-PAVÓS, PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO, PSDEG-PSOE, QUEREMOS GALEGO-MARÍN, VAIPOLORÍO, VERBOXIDO, VERDEGAIA.