Dentro das actividades encadradas na Semana europea da mobilidade, Verdegaia ven de realizar unha comparativa interurbana de medios de transporte e a presentación, ao concello de Vigo, dun informe que recolle a situación dos diferentes medios de transporte.
Dada a situación actual poderían transformar significativamente os hábitos de transporte dos vigueses e viguesas. Destacamos as seguintes por teren en común o obxectivo de mellorar a convivencia nas rúas e promover as condicións para que todos os usuario da vía poidan empregala en condicións de seguranza:
Informe Mobilidade en Vigo: unha análise transversal dos diferentes medios de transporte
Partindo dunha análise das condicións que cada medio de transporte goza na cidade, preséntanse unha serie de propostas de fácil aplicación (a conxuntura impide investimentos de envergadura) pero que dada a situación actual poderían transformar significativamente os hábitos de transporte dos vigueses e viguesas. Destacamos as seguintes por teren en común o obxectivo de mellorar a convivencia nas rúas e promover as condicións para que todos os usuario da vía poidan empregala en condicións de seguranza:
1.Bicicleta: perante as dúbidas do concello e mesmo de parte da cidadanía sobre as vantaxes de normalizar o uso da bicicleta en Vigo, propomos un proxecto piloto nun tramo concreto da cidade que posúe unhas características ideais para o uso da bici. A ligazón de 4,8 km entre a praza América e García Barbón (por López Mora, Pi y Margall, Alfonso XII e Policarpo Sánz) une unha das principais zonas residencias/comerciais co centro da cidade nun traxecto practicamente chairo. Adaptar López Mora, no treito máis próximo á praza América, para que a bici poida circular en ambas direccións; unha sinalización que permita compartir unha parte do carril bus en López Mora e Pi y Margall; e unha campaña xunto dos condutores para asegurar o respecto do límite de velocidade (30 km/h), sentaría as bases para que moitas bicis sairan do faiado.
- 2.Bus urbano: A percepción que a cidadanía ten deste servizo resúmese no resultado dunha recente enquisa realizada pola propia concesionaria: o principal motivo argüído polos usuarios para utilizar o autobus urbano é o de non posuír coche. As causas encontrámolas nunha ordenación confusa das liñas, de difícil comprensión para os que non o utilizan acotío, e na tarifa (en moitos traxectos urbanos sae máis caro desprazarse en bus que en coche).
Dende Verdegaia propoñemos a adaptación do sistema de tarifas ao que existe en moitas outras cidades: a creación de bonos semanais e mensuais premia aos usuarios habituais e incentiva os ocasionais a que utilicen o bus máis a miúdo. Incluso o transporte por barco co Morrazo xa dispón de bonos con estas características polo que cómpre negociar coa concesionaria a súa rápida implantación.
- 3.Seguranza na calzada: os accidentes que se suceden en Vigo (principalmente envolvendo motoristas e viandantes) esixe unha profunda reflexión, xa non está en causa un modelo de mobilidade senón impedir que unha persoa non poida volver a casa porque unha minoría teña necesidade de afirmarse através de un motor. Unha condución agresiva xera máis contaminación atmosférica, máis contaminación acústica, impide que medios máis vulnerables como a bici se consoliden e xera traxedias facilmente evitábeis.
Entendemos que unha das misións das autoridades municipais é promover o benestar e a convivencia entre os cidadáns polo que a situación existente en Vigo, e que todos coñecemos, non pode continuar. Propomos que en base ao Regulamento de Circulación, á Ordenanza de Ruído e á Ordenanza de Circulación se tomen medidas firmes e contundentes para que desapareza esa inxustificada agresividade que tanto mina a confianza e a convivencia entre as persoas.
Comparativa interurbana de medios de transporte
A comparativa de medios interurbana entre Vigo e Cangas permitiu analizar variables como a duración, o custe ou a contaminación xerada segundo o medio de transporte utilizado: coche, bus, barco ou a combinación barco+bici. Na comparativa simulamos un traxecto habitual entre os morracenses que veñen a Vigo: saída dende Povisa, parada na Porta do Sol e chegada a Cangas.
A pesar das constantes medidas promotoras do que é obxecto (investimento en infraestruturas ou eliminación da peaxe en Rande), o automóbil non conseguiu rematar o traxecto en primeiro lugar. Emitiu máis gases á atmosfera, xerou máis ruído e necesitou dunha infraestrutura destrutora do territorio, como son as vías de alta capacidade, pero necesitou 68 minutos fronte aos 58 da intermodalidade barco+bici. A ausencia de medidas incentivadoras da intermodalidade ficou patente no cobro polo transporte da bici no barco, retirando competitividade a este modo de transporte. Especialmente negativa foi a prestación do autobús. A combinación de bus urbano e bus interurbano foi a máis cara (a inexistencia dun transporte metropolitano esixe mercar dous billetes) e a máis lenta (inexistencia de coordinación entre a concesionaria do bus urbano e as do servizo interurbano).
Marchas en bicicleta
Como colofón a esta semana da mobilidade, recomendamos a participación nas dúas marchas ciclistas organizadas por diferentes colectivos que percorrerán as rúas da cidade:
. Domingo 23 ás 11:00 dende o parque de Castrelos
. Venres 28 ás 20:00 dende a praza América
Podedes descargar o informe completo aquí.