mio_barca_na_marisma.jpgVerdegaia (Núcleo Comarcal de Ferrol, Eume e Ortegal), en colaboración coa asociación Roxínroxán, organiza o vindeiro domingo 5 de xullo un roteiro para coñecer un curruncho esquecido da nosa comarca, a marisma do Río Baixoi, no concello de Miño. O roteiro consistirá nun percorrido de aproximadamente nove quilómetros que bordeará toda a marisma, achegándonos tamén ao lugar de Bañobre, que presenta interesantísimas mostras de arquitectura civil e relixiosa, algunhas das cales teremos ocasión de visitar.

Data: Domingo, 5 de xullo de 2009

Punto de encontro: Estación de Buses de Ferrol, 9:45 h.

Volta: 15.30 h.

Prezo: 5,50 € (socios) e 7,50 (non socios).

Contacto: T. 661636946, email ferrol@verdegaia.org

Ao longo do percorrido tentaremos comprender e coñecer un pouco mellor o ecosistema da marisma, que dende hai décadas ven sufrindo multitude de agresións por culpa do urbanismo incontrolado e a proliferación de infraestruturas: estradas, autoestradas, vías férreas, tendidos eléctricos e últimamente a Estación Depuradora de Augas Residuais “Ponte Baxoi”.

A pesares de tanta agresión, a vida resiste, e a marisma é refuxio de especies animais tan interesantes como o teixugo, a lontra, o miñato queimado (que cría nela) e a andoriña dos penedos. Non será difícil ver tamén algún rastro do corzo.

En canto á flora, salgueiros, carballos, freixos, ameneiros, loureiros, piñeiros e diversas especies de espiños (abruñeira e espiño branco) son o máis destacable. Máis relacionadas co propio ecosistema mariño, atopamos a tamarxeira (Tamarix gallica), o xunco (Juncus maritimus) ou o Hamilione portulacoides. Na desembocadura do río consérvase unha interesante fraga de ribeira. Ademais, polo camiño pasaremos xunto a numerosos exemplares de cerdeiras e guindeiras.

Como no anterior roteiro que fixemos polo Río Mera, aproveitaremos o transporte público para minimizar o impacto ambiental da nosa actividade. En principio está previsto que partamos de Ferrol no bus das 10 da mañá, que chega a Miño pasadas as once. Para a volta tomaremos o tren que vén de Coruña ás 15:24 h.

O prezo do roteiro estará en función destes transportes, e rondará os 5,50 euros para @s soci@s e os 7,50 para non soci@s.

Respecto ao equipamento, será importante levar auga, comida, calzado e roupa cómodos (mellor pantalón longo para evitar os roces coa vexetación), un gorro e protección solar por se o día e moi caluroso.