As entidades Adega, A.M. Augas Limpas, Club Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra 21, Comité para a Defensa das Rías Altas, Drosera, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, G.N. Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, Néboa Medioambiente, O Rabo do Galo, Saramaganta, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia organizan o día 13 de maio unhas charlas na Casa da Cultura da Capela, baixo o título: “A Fraga de Pico Vello. Un espazo a protexer”.

No lugar de Pico Vello (Goente – As Pontes), de grande biodiversidade e incalculable valor natural e ecolóxico, a empresa de capital anglo-sudafricano Picobello Andalucita S.L. pretende a explotación a ceo aberto dun xacemento de andalucita.

A área do xacemento (colindante e incomprensiblemente excluída do P.N. Fragas do Eume), está constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con grande interese biolóxico.

Nesta fraga nace o Rego Cernadas (unha das fontes principais do Belelle), en cuxas beiras se aprecia a presenza do felgo macaronésico Dryopteris aemula, especie que figura como VULNERABLE no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA).

Tamén está contrastada a presenza, entre outras, das seguintes especies que figuran como VULNERABLES no CGEA: píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica); ra das veigas (Discoglossus galganoi); ra patilonga (Rana iberica); ra do monte (Rana temporaria); morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum); morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), etc.

Esta fraga xa está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura, e o Monte Fontardión constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e o LIC Xubia-Castro. O permiso para esta explotación suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural, e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, …).

Queremos conseguir a declaración, para a zona, de Espazo Natural Protexido ou que esta se inclúa no Parque Natural das Fragas do Eume.
Intervirán para tratar dos valoras naturais da zona afectada:

  • JAVIER AMIGO. Especialista en Botánica da Universidade de Santiago de Compostela.

  • PEDRO GALÁN. Especialista en anfibios e réptiles da Universidade da Coruña.

  • ROBERTO HERMIDA. Especialista en morcegos de DROSERA.

 

As charlas serán o día 13 de maio, ás 19 horas na Casa da Cultura do Concello da Capela.