Verdegaia-Compostela ven de apresentar un recurso de reposición contra da aprobación inicial pola Xunta de Goberno do Concello de Compostela do "Plano especial de ordenación, protección, mellora ambiental e acondicionamento das Brañas do Sar" (PE-3R), pola ausencia da preceptiva avaliación ambiental estratéxica, obrigatoria se atendemos aos requisitos contemplados no Anexo II da Lei 9/2006, de 28 de abril, sobre avaliacion dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.

A ausencia na aprobación inicial do Plan Especial das Brañas da preceptiva avaliación ambiental estratéxica podería viciar – incluso ca nulidade – dito Plan Especial e dende logo produce a súa anulabilidade porque o feito de que o Plan Especial emane do PXOM de Santiago de Compostela, aprobado no ano 2008 e do que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible ditaminou en 2007 a non necesidade de sometemento a avaliación ambiental, non exime ao Plan Especial de cumprir cos requisitos legais vixentes, tanto na normativa comunitaria europea como na normativa estatal e autonómica de aplicación neste suposto.

Non é preciso recordar que o PXOM de Santiago de Compostela resultou exento desa obriga da avaliación ambiental unicamente por razóns de dereito transitorio, porque o Estado español non adaptou en tempo a súa normativa ás obrigas esixidas pola normativa comunitaria e porque finalmente a Consellería acordou que o Concello de Santiago podía acollerse ao disposto na Disposición Transitoria Primeira da Lei 9/2006 de transposición da Directiva Comunitaria 2001/42/CE. Este feito de que o PXOM de Santiago se librara da obriga da avaliación ambiental estratéxica polo tempo da súa tramitación non pode valer como argumento que poida estenderse aos Plans que traian causa daquel PXOM.

Este plano publicítase como de mellora medioambiental e acondicionamento das Brañas de Sar dicindo que se extende a mais de 500.000 m2, malia que o Alcalde nunha comparecencia diante dos medios de comunicación arimase que podería chegar aos 2.000.000 de metros cadrados e propón unha nova urbanización universitaria, novos edificios deportivos a carón do campo de fútbol e o multiusos, e mesmo novas vías urbanas da cidade. As Brañas do Sar son un espazo de elevado valor ambiental e paisaxístico dentro da área urbana de Compostela que indebidamente aínda non teñen figura de
protección ambiental algunha e que este Plano do Concello contribuirá a destruir.

En definitiva, o Concello deberá anular a aprobación inicial do Plan Especial das Brañas e retrotraer a súa tramitación incorporando a avaliación ambiental estratéxica que resulta obrigada polas disposicións legais vixentes 

pdf Recurso de Reposición Brañas do Sar