Esta mañá, unha delegación de Verdegaia entrevistouse coa concelleira do Urbanismo e a Educación, Mercedes Rosón, e coa directora da área do Urbanismo, para tratar o plano especial das Brañas do Sar (PE-3R) nun intenso e vizoso encontro de dúas horas de duración.
A poucos días da aprobación do plano polo Concello, e após as informacións aparecidas en diversos medios sobre as declaracións do Alcalde anunciando dita aprobación e a exposición pública do documento, confrontamos coa responsábel do departamento redactor a nosa focaxe, que dunha óptica conservacionista, non pode máis do que se opor ás actuacións que anunciaban o PXOM e o documento de início e á continua degradación de redución do espazo natural en toda a bacía alta do río Sar.
Verdegaia xa apresentara unha alegación ao documento de incio o ano pasado, máis unha proposta activa de educación ambiental e participación cidadá, hai tres meses, para que a redacción deste documento fose comprendida como a oportunidade de a cidadanía gozar e participar dun lugar tan especial. A concelleira laiouse de non termos tido a reunión con anterioridade (aínda que levamos tres meses pedíndoa) para teren considerado a nosa opinión, e acrecentou que mesmo non tivera tempo para ler os documentos apresentados pola asociación.
O debate sobre as agresións do plano de conservación
Antes de mais, as nosas obxeccións apontan para a representación gráfica que a semana pasada foi oferecida á opinión pública, en que a totalidade da superfície de máis de 56.000 m2 da zona deportiva ZD-6 aparece integrada no espazo a conservar, cando a realidade é que toda esta zona entre o camiño de ferro e o río, que contén xa un campo de fútbol, está excluída do espazo natural e cualificada como de equipamentos deportivos, co que será ocupada por actuacións máis ou menos lesivas como relvado artificial tratado con fito-sanitários, aparcadoiros, gradas, cafetaria, vestiarios, etc… Inicialmente, defendía a equipa municipal que este polígono deportivo era parte da recuperación da braña, mais ficou claro que o tipo de terras, basamentos, especies de herba e a necesidade intensiva dos praguicidas en toda a superficie en nengún caso podía considerarse espazo brañego recuperado, e menos aínda a edificación dos vestiarios e servizos.
O mesmo sucede com a ZD-4, ou mellor dito, com o espazo que aínda fica entre o multiusos, as piscinas, os aparcadoiros de aquel e o rio, que tamén non está incluído no ámbito de actuación do plano especial das Brañas e por tanto susceptíbel de ser ocupado con calquera intervención, por moito que se apontara desde a concellaría que se ía engadir un cartafol de medidas externas "non vinculantes" para recomendar a harmonización co espazo principal. Tamén hai unha área ao oeste da colexiata, que apesar de non estar incluída no ámbito, é agora apresentada “verde” á opiniom pública. E aínda, o mesmo diremos na contorna da Pontepedriña, que fica excluído por moito que sexa a “zona verde” (antropizada) para un proxectado solo urbano, SUP-7.
Non deixamos de non concordar coa a ocupación e urbanización dos 5250 m2 para a edificación dos edificios do CSIC (nas leiras contíguas ao multiusos, agora agrícolas, o PE-10). Ou tamén a impermeabilización con gradas de formigón de toda a banda que linda co trazado rodoviario entre a rotonda de Sar e a da Pontepedriña.
Verdegaia reclamaba, xa vai un ano, que o plano especial axudase a recuperar como espazo brañego parte dese 35% que se urbanizou precariamente ou mesmo se estragou coa xestión municipal dos últimos 30 anos; mais é ao contrario, o que parece verificarse é perda de espazo natural nun 15% a maiores. Esta merma pode levar a unha situación cada vez máis crítica para a xoia natural da cidade, privándonos do seu goce e riqueza, mesmo de ser un reclamo turístico de maior interese e utilidade que a malfadada Cidade da Cultura.
Expresouse á concelleira, o crítico que resultaba este 15%, cando grandes leiras cultivadas da contorna que están hoxe dando vida ás brañas -evitando enchentes maiores no inverno e a seca no verán- van desaparecer por que están cualificadas como urbanas no PXOM. É o caso das leiras que fican por riba do carreiro de Picaños, entre a ponte de Sar e a Pontepedriña, por onde circulará unha nova avenida para conectar a Cidade da Cultura.
O difícil equilibro entre conservación ambiental e destruición edificatoria
Tamén argumentou a técnica municipal, as dificuldades que padece o concello na procura dun “equilibro” entre a desexada conservación e o impacto negativo de certas actuacións na braña que a concellaría considera que a cidadanía non entendería no momento "delicado" que se vive (os edificios do CSIC, as canchas deportivas, as gradas de acceso, etc). Aí é onde Verdegaia propón programas de divulgación e participación para que a sociedade, que entendemos máis intelixente do que a clase política valora, poda apoiar a conservación real para se beneficiaren da súa contorna.
A equipa municipal remarcou o esforzo que supuña expropiar todos estes terreos, levándose a maior parte do orzamento que ronda os oito millóns de euros, como única vía para poder levar adiante a conservación da zona.
Sen entrarmos nunha valoración do gasto tan forte en expropiacións, a asociación lembrou con fotografías que nos últimos anos as desfeitas máis importantes viñeran precisamente das actuacións municipais: verteduras directas de augas fecais, instalacións de macro-colectores feitas con nengunha sensibilidade nen coñecemento ambiental que están facendo apodrecer zonas importantes da braña, asulagamento polas zonas urbanas impermeabilizadas nos novos bairros, ocupación de zonas sensíbeis con pistas, desleixo no control dos vertedoiros ilegais de lixo e no uso da maquinaria de obras públicas…
A espiña da eximida Avaliación Ambiental Estratéxica
Na parte xurídica debateuse a cuestión da isención da Avalación Ambiental Estratéxica (AAE) para este proxecto, que Verdegaia reclama e nese senso apelou o ano pasado. A AAE tiña de se ter feita cando se redactou o PXOM, mais acolléndose a unha disposición transitoria a Xunta dispensou este trámite coa estipulación de facer esta AAE a cada plano parcial. O concello solicitou posteriormente a eximente da AAE para o plano especial das Brañas e foille concedida en base a que son os PXOM os que levan este estudo, máis como sabemos, non foi o caso de Compostela.
Verdegaia encargou un estudo xurídico ao respecto (tendo en conta a especial sensibilidade desta paraxe) que reafirma que esta decisión é impugnábel, non só polas disposicións legais que determinan a necesidade de facer o estudo ambiental, senón mesmo pola xurisprudencia dimanada das sentenzas do Tribunal Supremo sobre outros concellos que pretenderon atallar este tipo de estudos ambientais con armadillas legais semellantes.
Combinamos para unha camiñada coa concelleira en setembro
En todo momento a concellaría de Urbanismo expresou que o proxecto se levaba adiante coas mellores intencións ambientais, e que se trataba dunha aposta única en Galiza con este nível de sensibilidade e compromiso ecolóxico. Por parte de Verdegaia recoñeceuse unha mudanza no discurso das últimas comparecencias públicas, non senso de apostar polo goze e o estímulo dunhas brañas no seu estado natural, mais o que vai ser fundamental é comprobar se esa anunciada sensibilidade foi a que realmente se trasladou ao documento que se vai aprobar esta semana. Por ambas partes recoñeceuse a carga que supón a Cidade da Cultura, que está a impor unhas pautas de urbanización contrarias á conservación da contorna do Sar.
Despois deste interesante encontro, onde malia no concordarmos en elementos moi importantes que concretizan a actuación, foi moi positivo verificar que houbo un canal de diálogo e mesmo o compromiso de a concelleira, Mercedes Rosón, reanudar o debate facendo unha camiñada polas propias brañas, en setembro, despois de termos analisado o documento que sae a exposición pública.
Proposta de EA de Verdegaia para as Brañas de Sar
Alegación á isención de avaliación ambiental para as Brañas de Sar