andalucita.jpgVerdegaia, xunto coa Sociedade Galega de Historia Natural e outros colectivos presentou alegacións contra o proxecto de explotación do xacemento de andalucita de Goente, nas Pontes. Nas alegacións, alén dos impactos ambientais, denuncianse irregularidades e incumprimentos legais en tema de concesións mineiras e de acceso á información ambiental.

Os colectivos asinantes non poideron acceder a toda a documentación do expediente, como plano de explotación mineira, imprescindíbel para ser autorizada ou a Declaración de Avaliación de Impacto Ambiental. O E.I.A. do proxecto non fai referencia en ningún momento a esta documentación polo que se entende como incumprida a Lei de Ordenación Mineira de Galicia. Así mesmo, a empresa promotora, Picobello Andalucita S.L. é de capital 100% británico e surafricano cando o Real Decreto 2857/1978 esixea obriga de contar cun 51% de capital español.

Se ben é certo que a explotación mineira queda fóra dos límites do Parque Natural das Fragas do Eume e do L.I.C. Xuvia-Castro, non hai que esquecer as demandas feitas dende diferentes colectivos ecoloxistas, naturalistas e institucións científicas no sentido de incorporar a Serra do Forgoselo na súa totalidade ao P.N. das Fragas do Eume, ou cando menos incluír nun L.I.C. aquelas áreas de interese que non se atopen ata o momento protexidas, dando prioridade ás zonas de brañas e ás cabeceiras dos ríos Belelle e Castro-Xuvia. Do conxunto de hábitats que integran o Parque Natural das Fragas do Eume non poden quedar excluídos os hábitats asociados ás brañas e as pequenas fragas existentes na Serra do Forgoselo, pois constitúen pezas imprescindibles de ecosistemas asociados ao bosque atlántico. Por outra banda, o Monte Fontardión  constitúe o ocorredor ecolóxico entre o Parque Natural das Fragas do Eume e o L.I.C. Xuvia-Castro, xa que o contorno circundante se atopa moi alterado a consecuencia do establecemento da escombreira da Central Términca de ENDESA e o Encoro do Eume, que actúa como barreiras de difícil franqueo para as distintas especies.

Na parcela que se pretende explotar atópanse as fontes do Rego Cernadas, tributario do Río Belelle. Varias destas fontes desaparecerían por completo por quedar incluídas no núcleo do xacemento. Esta circunstancia afectará ao Río Belelle, reducindo o seu caudal, incidindo sobre o réxime hídrico global e, como consecuencia, alterando os hábitats asociados a este ecosistema fluvial. Neste senso, non se cumpren os requisitos que establece o Real Decreto 2857/78.

No contorno onde se pretende instalar a mina de andalucita, pódense atopar até trinta e sete especies de mamíferos que viven sedentarios ou utilizan os seus hábitats  como área de campeo e descanso, repartidos polos distintos ecosistemas.

Cómpre salientar:

A presenza de catro endemismos Ibéricos (Toupa cega, Corta dos prados, Lebre ibérica e Coello bravo), e un endemismo Galo-Iberico (Rata de auga común

b)  Especies incluídas no anexo II do Convenio de Berna (especies estritamente protexidas): Morcego común, Morcego grande de ferradura, Lontra, …

c)   Especies dentro do anexo III (especies protexidas, das que se regulará a súa explotación de xeito que as poboacións se manteñan fora de perigo): Ourizo cacho, Murgaño patibranco, Furaño de xardín, Furaño común, Denociña, Tourón, Teixugo, Algaria, Garduña, Lobo e Corzo.

d)   Especies incluídas na Directiva Hábitats 92/43/CEE repartidas nos anexos II, IV, V; Anexo II (especies animais de interese comunitario que é necesario conservar mediante a designación de zonas especiais de conservación): Morcego común, Morcego grande de ferradura e Lontra. Anexo IV (especies animais de interese comunitario que requiren unha protección estrita): Morcego común, Morcego grande de ferradura e Lontra. Anexo V (especies animais de interese comunitario para as que a súa recollida na natureza e explotación pode ser obxecto de medidas de xestión): Tourón, Algaria, Garduña e Martaraña

e)   Especies incluídas no Convenio de Bonn anexo II (especies migratorias cun estado de conservación desfavorable e que precisan para a súa conservación de colaboración internacional): Morcego común, Morcego grande de ferradura e Morcego pequeno de ferradura

f)   A Lontra ademais figura como Vulnerable na Lista Vermella de Vertebrados.

Os colectivos asinantes demandan a paralización do proxecto por non se axustar a dereito e polos graves impactos ambientais que a sú explotación suporía.