O pasado domingo 21 botou andar a Rede de Troco de Ferrol, da que Verdegaia fai parte, coa celebración na Praza Vella dun mercadiño. Ademais de trocar, as numerosas persoas que se achegaron pudieron participar en obradoiros de reciclaxe de papel, reutilización de bolsas plásticas a través do ganchillo e tamén de creación de chapas.

A dinámica do mercadiño é ben sinxela: houbo unha zona de troco e outra de cesión. Na mesa de troco cada persoa, responsabilizándose dos seus obxectos, negociou directamente co resto de pariticipantes sen mediación de vales e recollendo finalmente os obxectos non trocados. Na mesa de cesión espuxéronse aquelas cousas aportadas polos participantes para que outras persoas pudieran levar unha delas e darlles un novo uso.

Esta primeira actividade fai públicas as inquietudes dun grupo de persoas que, na comarca de Ferrol, integran diversos colectivos e asociación de veciños e, que dende os últimos meses están a aprender doutras iniciativas a nivel galego e definir as liñas de traballo da Rede de Troco. Xunto coa celebración do mercadiño, estase a traballar na posta en marcha dunha páxina de troco permanente que segue o bo exemplo de Vigo Troca.

Comeza, pois, a andaina da Rede de Troco de Ferrol…