palestra_horticultura_urbana.jpg "Colle unha maceta, planta unha leituga, deixa que creza e cómea. A túa vida non volverá ser igual". Esta é a invitación coa que Ramón Paz, o ponente da Asociación Galega de Horticultura Urbana, nos convida a formar parte dunha corrente en auxe: o cultivo de hortas nas cidades, para o que só se precisa dun mínimo espazo e ganas de mudar cara a un estilo de vida máis sostible. O que se busca é recuperar o modelo de produción tradicional -achegando o rural á contorna urbana- e promover o autoabastecemento de produtos sans e de calidade. O obxectivo último: concienciar a xente que vive nas cidades de que outra forma de vida é posible.

Ademáis do cultivo en macetas, traballar as terras existentes nas urbes é outra das prioridades, xa sexan da súa propiedade ou chegando a un acordo de cesión cos propietarios. Máis alá das experiencias individuais, a iniciativa persegue tecer unha rede de labregos urbanos, seguindo o modelo iniciado en Santiago coas hortas de Belvís pero cunha maior implicación detrás que garanta o éxito da iniciativa.

Non faltedes!

Verdegaia e a Asociación Galega de Horticultura Urbana organizan, o vindeiro venres 9 de abril ás 20:00, unha palestra sobre Horticultura Urbana no local da Escola Popular (Rúa Real nº 12).