A Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio ven de presentar o Documento de Referencia que servirá de base a proposta de redacción das Directrices de Ordenación do Territorio. As DOT conforman unha ferramenta básica e de suma importancia para o desenvolvemento territorial dun país. Por ese motivo son a base de toda política que se vaia desenovolver en materia de urbanismo e xestión do territorio e o ambiente.
Mais este documento de referencia das DOT adoece de significativas eivas que non auguran nada positivo para a súa redacción definitiva.
-
En primeiro lugar, as DOT deben ser a base da ordenación territorial, polo que o Plan de Litoral, a Lei do Solo e o Plano de Acuicultura, entre outros, que xa están aprobados deberan estar sometido ás liñas estratéxicas que delas emanen, e non ó revés, para artellar unha estruturación estratéxica para a ordenación territorial real e creible.
-
Este documento ten unha visión urbanita e economicista do territorio no que ao seu contexto de ordenación se refire. Cumpre que os estándares de medida da calidade de vida integren criterios como a calidade ambiental, indo máis alá do análise da Renda Per Cápita.
-
Este texto non conta coa participación activa da cidadanía na súa redacción, sendo ista a base fundamental para a súa aplicación real, coa implicación social que un documento desas características merece.
-
Debería estudar e analizar o número de vivendas baleiras de maneira que exista unha xustificación real para novos proxectos de urbanización e edificación; Debe cumprir a Lei do Solo nesta materia, na que xa se establecen as pautas de prevención para a urbanización difusa.
-
Deberíase achegar equipamentos e servizos á cidadanía de maneira que se cree economía social, se fixe poboación no rural e se diminúan as necesidades de desprazamento (coas melloras ambientais que iso conleva).
-
Amellora e acondicionamento das infraestruturas viarias xa existentes parece máis razoable que continuar coa política de creación de novas vías de alta capacidade, xa que Galicia, aparece xa por riba da media europea. Parece recomendable realizar unha avaliación da necesidade de continúar coa construción, claramente destrutiva do contorno, de novas vías e valorar as posibilidades de mellora e creación de novas liñas de proximidade co ferrocarril como protagonista (totalmente esquecido na redacción destas DOT).
-
O Patrimonio Natural ten valores endóxenos a protexer, máis aló da produción enerxética ou de constituír "illas verdes". Por este motivo, solicítase a coherencia das DOT coa estrutura da Rede Natura 2000, apostando por un modelo enerxético de autoabastecemento, descentralizado e xusto coa sociedade destas zonas.
-
Avogamos por unha estruturación territorial descentralizada no que a produción e consumo enerxético, a xestión do lixo, as necesidades de transporte, etc, se vexan minimizadas na procura dun desenvolvemento harmónico cos límites da biosfera e integrando un modelo de cooperación interterritorial e de autoabastecemento, menos impactante e máis xusto social, territorial e ambientalmente.