Desde o pasado 19 Novembro e até o vindeiro luns 3 de Decembro pódese ver na Escola Oficial de Idiomas de Vigo unha exposición sobre a Débeda Externa instalada por Verdegaia. 

A exposición, que recibe o nome de "A Débeda externa, unha fábrica de pobreza", foi realizada polo Observatori del Deute en la Globalizació de Catalunya, no marco da campaña "¿Quién debe a quién?", e pretende, con esquemas, textos e ilustracións,  fomentala reflexión sobre os diferentes mecanismos que xeran pobreza, centrándose especialmente na problemática da débeda externa, débeda social e débeda ecolóxica.

Os nove paneis que compoñen a mostra tratan os seguintes temas:  

1- Débeda Externa, a condena dos empobrecidos; 2- Débeda Ilexítima ¿quen é responsable?; 3- Débeda Ecolóxica ¿quen debe a quen?; 4- Qué fai o Estado español coa Débeda; 5- Institucións Financeiras Internacionais, as temibles xestoras da débeda; 6- O sutil  poder das transnacionais; 7- Consecuencias no Sur da débeda externa; 8-  A sociedade civil non queda indiferente; 9- A campaña ¿Quen debe a quen?

Esta exposición directa e ilustrativa,  fomenta o pensamento crítico, informa sobre cómo a débeda externa afoga aos países empobrecidos, denuncia o actual cinismo político que di loitar contra a pobreza mentres cobra unha débeda ilexímita, demanda o recoñecemento da débeda ecolóxica que os países do Norte temos cos países do Sur… Un modelo económico inxusto e unha nula vontade política de cambialo, pese a todo, a sociedade civil non queda indiferente ás consecuencias do sistema, ás cifras escalofriantes de pobreza e á degradación ambiental do Planeta. Na exposición recóllense alternativas contributivas a un cambio radical de modelo para que este mundo sexa por fin mellor para todos os seus habitantes.