2da_limpezaspq.jpg Verdegaia organizou o pasado sábado a segunda xornada de limpeza no espazo natural das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro. Continuouse coa retirada de lixo da Barreira de Orbenlle -ecosistema onde mora unha das últimas poboacións galegas de sapoconcho común- mais tamén houbo tempo para facer limpeza na Turbeira do Cerquido e na contorna da Lagoa de Budiño. O lixo recollido vai ser levado polo servizos de limpeza do Concello do Porriño a vindeira terza feira.

Desta volta a iniciativa xurdiu de oito empregados do Grupo do automóbil GKN que están a facer un curso de formación en Vigo. Ingleses, polacos, franceses, italianos e vascos colaboraron cos socios de Verdegaia e co Grupo de Voluntariado Ambiental do Porriño nesta segunda xornada de limpeza. Ficamos obrigados con todos eles.
 
2dalimpezapeq.jpgA actitude destas persoas foráneas contrasta coas últimas actuacións das Administracións responsábeis da conservación do espazo protexido, especialmente da Consellaría do Ambiente que recentemente aprobou a ampliación do polígono industrial das Gándaras encol dos bosques de ribeira (hábitats de protección prioritaria para a UE) o que suporá unha alancada máis no propósito da Xunta de facer desaparecer esta área natural.