"Temos unha profunda preocupación pola posible asociación da empresa portuguesa Portucel ao proxecto da empresa española ENCE en Uruguai, actualmente suspendido por falta de financiamiento", expresa unha carta aberta á sociedade portuguesa asinada por perto de 30 organizacións e movementos sociais do Estado español, Portugal e Uruguai difundida este venres. Os asinantes, entre os que se atopa Verdegaia, destacan os impactos ambientais e sociais constatados desde hai varios anos dos monocultivos de árbores a grande escala para a industria da celulosa, especialmente os que xa ten ENCE en Uruguai. Advirten de que a aprobación da planta de celulosa agravará eses impactos e denuncian que a compañía española nen sequer comunicou o seu plano de forestación para fornecer a fábrica con materia prima.

As organizacións e movementos sociais portugueses, españois e uruguaios entenden que Portucel se perfila como o posible socio da empresa española na instalación dunha planta de celulosa en Punta Pereira, Colonia. De feito Portucel xa manifestara o seu interese de instalar unha planta de celulosa en Uruguai e ante a crise internacional ENCE, que xa iniciara as obras para instalar a súa planta, apela á empresa portuguesa.

Uruguai ten perto dun millón de hectáreas forestadas con monocultivos de eucalipto e piñeiro para a industria da celulosa local e estranxeira. O principal impacto ambiental da forestación foi a diminución das fontes de auga, ao momento de secar os pozos de auga de pequenos produtores de diversas partes do país. Somente nas proximidades da cidade de Mercedes, no Oeste uruguaio, máis de 150 familias son abastecidas de auga por camións cisterna do goberno local para a súa vida diaria e produción. Perto dese lugar, no departamento de Colonia, produtores agrícolas dedicados á agricultura, apicultura e lechería, alertan de que a forestación na zona ameaza a súa permanencia no medio rural, ao esgotar as súas fontes de auga e afectar gravemente a calidade dos seus chans. As entidades sociais asinantes rexeitan tamén as importantes facilidades impositivas con que conta todo o proceso forestal-celulósico no país, ao momento que a planta de ENCE e as súas instalacións portuarias xa se lles outorgou réxime de zona franca.

Un dos grandes argumentos do sector industrial e do goberno uruguaio a favor da instalación destes emprendimientos foi a xeración de man de obra que implican, en beneficio do desenvolvemento do país. "Unha vez terminado o período de construción da fábrica de celulosa serán unicamente 300 as persoas empregadas", aseguran os signatarios da carta. "A fabricación de celulosa leva, ademais, a ocupación de grandes superficies de territorios, a perda de soberanía nacional pola concentración da terra en mans de empresas estranxeiras e a destrución de ecosistemas (no caso uruguaio basicamente a pradería), desprazando de xeito irreversible outras actividades agropecuarias", agregan.

O proxecto de ENCE en Uruguai proponse producir máis dun millón de toneladas ao ano de pasta de celulosa, o dobre do que a empresa xera nas fábricas do seu país. O tema da escala do emprendimiento non é menor xa que calquera posible accidente podería ter impactos de consideración sobre a rexión.

"Por estas razóns, as organizacións sociais de Uruguai, Portugal e o Estado español abaixo asinantes opómonos non só a que Portucel se asocie a ENCE en Uruguai, senón ademais á súa instalación en calquera outra zona do país", finalizan as agrupacións sociais que xa realizaron accións ante o goberno do Estado español contra o emprendimiento de ENCE. Anuncian así mesmo que non descansarán na loita contra este modelo forestal-celulósico.

http://www.quiendebeaquien.org/spip.php?article1311

Lé a carta: pdf carta_portucel_portugues