Organizacións sociais denuncian hoxe en Vigo, ás 18:30 da tarde, aos axentes responsables da crise económica, social e ambiental que vivimos. Ademais, tamén sinalarán as accións positivas que están propondo os movementos sociais para saír da crise.

A ONG Amarante, a Asociación Caleidoskopio, o Grupo de Axitación Social (GAS) e Verdegaia, recollen en Vigo esta convocatoria, que no resto do estado levan adiante as organizacións: Attac, Baladre, CGT, Ecoloxistas en Acción e a campaña Quen debe a quen?, impulsando unha campaña de accións directas nonviolentas, descentralizada e con vocación de que sexan asumidas por outros colectivos sociais..

A proposta consiste en asinalar e denunciar algunhas das persoas, institucións, mecanismos, etc. directamente implicados na xeración da crise financeira, económica, ambiental e social na que nos atopamos, así como a xestión, baixo parámetros neoliberais, que se está dando a esta situación.

A acción consiste en marcar cun “punto negro” estes espazos ou institucións. Os puntos negros fotografaranse e presentarense na páxina: www.lospuntosnegros.org .

Os colectivos impulsores animan a calquera persoa e organización a denunciar os seus “puntos negros” e subilos á web da campaña.

A campaña comeza o 12 de marzo co asinalamento de puntos negros en varias localidades do Estado español, como Vigo, Madrid, Cuenca, Valencia, Málaga ou Logroño. En Vigo colocarase esta tarde ás 18:30 un grande ponto negro nas sedes dos dous principais bancos (Santander e BBVA) e caixas de aforro (Caixa Galicia e Caixa Nova), na autoridade portuaria e no Clube Financeiro de Vigo.

O grupo Santander obtivo un beneficio total de 8.876 millóns de euros no 2008, o que supón un descenso do 2% respecto ao rexistrado en 2007, a pesar da crise económica. Para as organizacións convocantes, é inmoral que o banco presente tal beneficio, mentres amplas capas sociais están tendo problemas para cubrir as súas necesidades básicas. Esta inmoralidade é maior, si se ten en conta que cada vez unha porcentaxe maior do beneficio provén de áreas empobrecidas como América Latina.

O BBVA tamén presentou beneficios este ano. Unha parte destes, a xuízo das organizacións convocantes, débense á súa actuación contra a natureza. Un exemplo é o financiamento, por parte deste banco, do Oleoduto de Crus Pesados (OCP) en Ecuador, que pasa por zonas de importantísimo valor ambiental. Outras destas actuacións, foron o financiamento da planta de celulosa que ENCE está intentando instalar en Uruguai.

O BBVA tamén obtén o seu beneficio na industria armamentística, como demostra que é o primeiro propietario español de empresas de armamento. Este banco ten participacións en empresas como Hispasat, Indra, RYMSA ou INMIZE.

Ademais do anterior, o punto negro concédese ás compañías financeiras, debido a que están no epicentro da crise actual, como o demostran as contas que posúen en paraísos fiscais, como as Illas Caimán, así como pola súa actividade especulativa nos mercados financeiros, ou a súa extensa utilización de mecanismos de titularización de débeda para poder incrementar a súa concesión de hipotecas.

Para rematar, as organizacións que lanzan a campaña, queren mostrar as alternativas que se propoñen desde os movementos sociais. En paralelo á web de puntos negros, existirá outra con puntos verdes, na que se subliñan algunhas das accións positivas que se están levando a cabo para a saída da actual crise.

Fotos dispoñibles en: www.lospuntosnegros.org

Para máis información: Tom Kucharz 619 949 053 /  Roi Seoage Mouriño 661 240 605