Un novo verquido no río Cabrón en Ordes, detectado o día 28 e que aínda hoxe amosaba unha importante mortalidade de peixes, levou a Verdegaia a denunciar os feitos diante do SEPRONA, suspeitando que a súa orixe está nas labouras de limpeza da cubeta da Piscina Municipal, ubicada á beira do río.

O río Cabrón estase a ver afectado por verquidos de orixe aínda non verificada, posibelmente industriais, que provocan importantes mortandades de peixes, con episodios como o acontecido o pasado 5 de xuño no que o río apareceu cuberto de escuma e con gran número de exemplares mortos.

Suspeitase que a orixe do vertido do día 28 de xuño está nas operacións de limpeza da cubeta da piscina municipal de Ordes (ubicada á beira do río). Estes episodios de contaminación véñense repetindo dende hai tres anos sen que as repetidas denuncias teñan obtido resposta.

Verdegaia considera inaceptábel que nun país que ven de aprobar unha Lei en defensa dos Ríos emanada dunha Iniciativa Lexislativa Popular continúe a padecer este tipo de atentados ecolóxicos sen que as autoridades competentes ou responsábeis tomen as medidas oportunas. Un estrito cumprimento da legalidade vixente abondaría para eliminar estes vertidos, conservando un dos patrimonios naturais máis importantes do noso país.