central_elctrica_da_ventureira_fragas_do_eume_nov_09_reducida.jpgEste domingo 20 de xuño realizamos unha nova rota do noso programa “Vai de Roteiros”, desta vez polo Parque Natural das Fragas do Eume un dos exemplos senlleiros de bosque atlántico. Saíremos en autobús dende o edificio de Correos en Ferrol, ás 10h, facendo paradas en Fene e As Neves e estaremos de volta sobre as 20:00. Recoméndase levar comida, bebida, así como roupa e calzado cómodos

Hora de saída: 10 hs dende o edificio de Correos (Ferrol). Paradas en Fene e As Neves.

Dificultade:Media-baixa

Lonxitude: 7,5 Km.

Prezo: 9 € non socios, 7 € socios.

Hora de regreso: 20 hs.

Recoméndase levar comida, bebida, así como roupa e calzado cómodos.

Prégase inscripción no teléfono 661 636 946 ou no email ferrol@verdegaia.org

Percorrido

Comezamos a nosa andaina no almacén situado 500 m antes da Fábrica de Luz da Ventureira. Baixaremos pola pista asfaltada que leva dende As Neves ata a Central Hidroeléctrica do Eume.

Na ponte falaremos da situación actual do Río Eume, que debido á presa a ao aproveitamento hidroeléctrico carece de caudal ecolóxico, tal e como constata a recente denuncia do fiscal de Medio Ambiente de Galicia (23 de abril de 2010). Tamén teremos ocasión de contemplar a antiga central eléctrica da Ventureira, ao tempo que disfrutamos da vista da Fervenza do Teixidó.

Continuamos en dirección á minicentral do Parrote, levando o Río Eume á dereita, e pasando primeiro por diante da actual Central H.E. do Eume. Atopámonos axiña á esquerda coa chamada Pena dos Maquis, chamada así por ser acubillo dos escapados que se botaron ao monte na Guerra Civil.

Discurrindo por un sendeiro estreito e esvaradío (pagará a pena mirar onde se pon o pé) atravesaremos as Fragas do Retorno, que ata o ano 1900 non se podían atravesar. Ao pouco, o carreiro desemboca nunha pista cementada moi peada que nos deixará, despois de cen metros, na Minicentral do Parrote, onde cae o Rego da Laxe ou de San Bartolomé. Aquí o Eume fai unha curva e toma a dirección Noroeste, formándose así a Illa do Fondal, de máis de 300 metros de lonxitude. Cara á metade desta illa cruzaremos unha pequena ponte de cemento e madeira que salva o Rego da Vaca, importante pola flora que alberga, en especial unha grande colonia do felgo macaronésico Woodwardia radicans.

Dende aquí ata o final da illa atópanse as pedras sanguezugueiras, onde os paisanos do lugar adoitaban buscar as samesugas ou “sanguezugas” (como aquí lles chaman), que se usaban na medicina antiga como remedio para facer sangrías e curar certas doenzas. Dende este punto ata Santa Cristina atravesaremos o auténtico corazón das Fragas do Eume. En Santa Cristina atopamos un dos pozos máis grandes do Eume, tanto en lonxitude (350 metros) como en profundidade. No remate poderemos ver unha pequena desfeita: unha presa feita para facilitar o traballo aos malos pescadores.

Continuando sempre a favor do río, a 200 metros atopamos a Ponte de Santa Cristina, que pode ser un lugar axeitado para facer o xantar.

Tomando o sendeiro pola marxe dereita do río ata a desembocadura do Rego Sesín, percorreremos un treito que nos ofrece os restos dunhas interesantes construcións de pedra, os “caneiros”, usados para a pesca do salmón en séculos pasados.

Á nosa dereita, na ladeira, iremos vendo os socalcos ou aterrazamentos, un sistema de cultivo usado polos frades.

Xusto antes do Rego Sesín (que desemboca á dereita), encontramos o Pozo e Illa de San Rosendo, que foron fonte de inspiración de fermosas lendas populares.

Remontamos o Sesín ata a altura do Mosteiro de Caaveiro. Pola esquerda aparece o único camiño que chegaba a Caaveiro na época medieval, partindo de Cabanas. Aquí teremos a ocasión de admirar a arquitectura dos muíños, a fonte e o impresionante arco de medio punto da ponte medieval. Tamén esta zona alberga interesantes mostras de fauna e flora.

Aproveitaremos para facer unha visita guiada ao mosteiro de Caaveiro, cuxas obras de restauración remataron recentemente.

A última parte farémola por unha pista que conduce dende Caaveiro ata a estrada asfaltada onde iniciamos o roteiro, cun percorrido aproximado total de 2,5 quilómetros.

Neste traxecto podemos ver unha “curripa”, construcción tradicional adicada ao secado dos ourizos das castañas. Dentro dela atopamos a proba irrefutable do tempo que leva abandonada.

Seremos testemuñas tamén dun intento de desfeita ambiental que, por sorte, foi denunciada a tempo e evitada. Trátase do proxecto do concello da Capela de converter o camiño nunha pista que permitiría o tráfico de vehículos particulares e chegaría ata o propio mosteiro de Caaveiro e que, finalmente, foi substituída por unha opción menos agresiva. Cando alcancemos a estrada asfaltada, estaremos xa no punto de remate da nosa andaina.