ra.jpgA Rede Galega Anticapitalista, da que forma parte Verdegaia, presentou en rolda de prensa a súa convocatoria para sumarse ao Día de Acción contra o Cambio Climático, que se celebra en todo o mundo o sábado 12 de decembro. Unha marcha ciclista discorrerá polas rúas de Santiago baixo o lema "Mudemos o sistema, non o clima".

Xosé Veiras, de Verdegaia, denunciou que "Galicia suspende en materia de loita contra a mudanza climática. Temos unha economía alta en carbono, insustentable e insolidaria coas xeracións futuras e cos países empobrecidos". Segundo o informe de Verdegaia  "As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro en Galicia (1990-2007)" , baseado en datos oficiais, as emisións do noso país medraron un 23,4% entre 1990 e 2007, último ano para o que se dispón de datos oficiais sobre as emisións totais.

Lidia Senra, do Sindicato Labrego Galego (SLG), destacou o importante contributo ás emisións causantes da mudanza climática do sistema alimentario mundial  e avogou pola relocalización da produción e o consumo de alimentos. O SLG forma parte de Vía Campesina, presente en Copenhague para reivindicar que os campesiños e campesiñas arrefrían o planeta .

Fernanda Couñago, de Amarante, expuxo as reivindicacións da Rede de cara ao Cumio do Clima de Copenhague, baseadas no principio da xustiza climática e recollidas no manifesto "Mudemos o sistema, non o clima!". Os países enriquecidos deben asumir a débeda climática que contraeron cos países empobrecidos, reducindo drasticamente as súas emisións e transferindo diñeiro e tecnoloxía para a mitigación e adaptación á mudanza climática. A Rede Galega Anticapitalista apoiou o Manifesto polo pagamento da débeda climática.