Ecologistas en Acción valora positivamente as modificacións introducidas no texto do Proxecto de Lei estatal do Solo que se tramita no Senado. Actualmente a actividade urbanística é unha das principais causas de destrución do patrimonio natural, histórico, cultural e paisaxístico no Estado español. Por iso, a confederación ecoloxista estatal lamenta a actitude de obstrución constante que está mantendo o Partido Popular a calquera mudanza na situación urbanística actual.

A Lei de 1998 sobre réxime do solo e valoracións dá cobertura legal a case calquera transformación urbanística do territorio, estea ou non xustificada socialmente. Esta circunstancia favoreceu que o urbanismo, en xeral, perdese a súa finalidade social e subordinación ao interese xeral.

Ecologistas en Acción considera que o texto do Proxecto de Lei do Solo que se tramita no Senado contribuirá a parar a escalada especulativa e de corrupción que invade grande parte da actividade urbanística no Estado español. Desde o punto de vista ambiental, un dos aspectos máis relevantes é a recuperación do protagonismo do solo que o texto denomina rural. A partir de agora, os instrumentos de ordenamento deberán xustificar a necesidade de transformar o solo rural a urbanizado. O solo que non sexa preciso deberá ser preservado da urbanización. Este aspecto supón un cambio radical na situación actual. A vixente Lei de 1998 de Réxime do Solo e Valoracións, máis coñecida como a “lei do todo urbanizable”, demostrou o seu fracaso na redución do prezo da vivenda e sen embargo fomentou unha situación de caos urbanístico que debe ser corrixida.

Outros aspectos da nova Lei a resaltar son os novos criterios de valoración do solo ou a obriga de someter a avaliación ambiental os planos urbanísticos e de ordenamento do territorio. Tan importante como éstes, resulta o feito de que se tente incrementar a transparencia do procedemento urbanístico sometendo os convenios urbanísticos a información pública e dando un maior protagonismo á participación pública en todo o proceso urbanizador. Moi positivamente valórase tamén a emenda introducida para impedir a redución da superficie dos espazos protexidos e dos espazos incluídos na rede Natura 2000.

Ecologistas en Acción considera prioritario modificar o modelo urbanístico actual e as normas que están permitindo a destrución e o expolio natural e cultural de grande parte do territorio. Esta é unha esixencia de boa parte da cidadanía que se pon de manifesto coas constantes mobilizacións sociais que se veñen sucedendo durante os dous últimos anos no Estado español. Por iso, lamenta a oposición constante do Partido Popular ao novo texto da Lei do Solo.

Máis información:

Área de Urbanismo de Ecologistas en Acción