Verdegaia pide que se desestime a autorización de vertido para a Estación Depuradora de Augas Residuais E.D.A.R. en Ponte Baixoi (Miño). Considera a depuradora unha ameaza para a riqueza biolóxica da Marisma de Baixoi, incluídos os bancos marisqueiros existentes na zona, dado que os efluentes verteríanse neste humidal a través do principal río tributario. Reitera a necesidade de trasladar a depuradora a outro lugar máis axeitado.
En relación á E.D.A.R., construída recentemente no lugar de Ponte Baixoi polo Concello de Miño, o Núcleo Comarcal (bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal) da asociación ecoloxista Verdegaia informa que vén de presentar alegacións ante Augas de Galicia ao expediente de Autorización de Vertido desta depuradora nas que, entre outras consideracións, se demanda que se desestime dita autorización ao Concello de Miño para poder verter inicialmente á Marisma de Baixoi un caudal de efluentes equivalente a 10.000 habitantes (parroquias de Perbes, Vilanova, Castro e Leiro), prevéndose duplicar os verquidos coa incorporación da urbanización "Costa Miño" (anteriormente "Costa Anácara") e do Polígono Industrial de Vidrieiro (Pontedeume), equivalentes no seu conxunto a 20.000 habitantes . Considerando que as depuradoras non son a panacea do tratamento de augas residuais e que a instalación de Ponte Baixoi está deseñada para unha capacidade máxima de 10.000 habitantes-equivalentes, córrese o risco de que a Marisma de Baixoi, os bancos marisqueiros existentes na Enseada de Bañobre e a calidade das augas de baño da Praia Grande acaben contaminándose polos verquidos deficientemente depurados.
Nas alegacións, Verdegaia insiste novamente en que o lugar escollido para a construción da depuradora non é o máis axeitado desde o ponto de vista ambiental, dado que está situada na cabeceira da Marisma de Baixoi. Os efluentes "tratados" verteríanse directamente ao principal cauce tributario que leva o mesmo nome. De feito, nos informes da Consellería de Pesca que obran no expediente recoñécese que "(…) o asentamento elixido non parece moi axeitado xa que o punto de vertido emprázase nun entorno onde conflúen multiplicidade de usos que requiren esixencia de calidade de augas (…)". Desde Verdegaia demándase, unha vez máis, que a depuradora se sitúe noutro lugar da Ria de Ares-Betanzos onde as correntes mariñas e a existencia dun maior caudal deste medio receptor poidan asimilar con maior facilidade os efluentes previamente tratados, axudándose, se fose necesario, da instalación dun emisario submariño. Pese as evidencias, non semella que a estas alturas a Xunta de Galicia vaia esixir ao Concello de Miño o traslado da depuradora a outro sitio máis idóneo adoptando, como lamentabelmente vén sendo habitual, a política dos feitos consumados.
Débese ter en conta, ademais, que o expediente da E.D.A.R. en Ponte Baixoi non se someteu ao trámite de Avaliación de Impacto Ambiental, pese a que a devandita depuradora, dacordo coa súa situación actual, representa unha ameaza para a riqueza biolóxica da marisma. Ademais, os artigos 236 e 239 do Regulamento de Augas (R.D. 849/1986 do11 de abril, modificado polo R.D. 606/2003 do 23 de maio) de ámbito estatal establecen que "En la tramitación de concesiones y autorizaciones que afecten al dominio público hidráulico y pudieran implicar riesgos para el medio ambiente, será preceptiva la presentación de una evaluación de sus efectos". No expediente tampouco consta o preceptivo estudo hidroxeolóxico, previo ao outorgamento da autorización de verquido, que debe xustificar a inocuidade das augas residuais tratadas, requerido tanto por este Regulamento como o de Costas. Tampouco figura o preceptivo estudo que debe incluír as análises fisicoquímicas e biolóxicas que caractericen ao longo dun ano a calidade da masa de auga afectada (neste caso o río e a marisma), requerido polo Regulamento de pesca fluvial. E postos a afondar máis no asunto, o proxecto construtivo tampouco someteuse no seu día ao preceptivo trámite de información pública; pois constatouse a inexistencia de documento ou boletín oficial algún que acreditase o inicio de dito trámite.
Outro dato que pon os pelos crechos é que o caudal de efluentes que se vertería desde a depuradora ao Río Baixoi durante o período máis seco do ano vai ser moi superior ao caudal natural do propio cauce nese período, que ante a ausencia de precipitacións sería extremadamente baixo. Este feito vén recollido nun dos informes da Consellería de Pesca que obran no expediente, afirmándose que "(…) o caudal máximo seco previsto no deseño da EDAR podería representar un aporte considerable a este tramo fluvial do que se estiman uns moi baixos valores para o caudal medio de estiaxe (…)". Polo que tamén se vería alterada a calidade das augas do principal rio tributario da marisma en prexuízo da fauna asociada (macroinvertebrados, anfibios, peixes,…).
Considerando todas estas eivas, agardamos que finalmente se desestime a autorización de verquido solicitada polo Concello de Miño pois, do contrario, non só resultaría unha irresponsabilidade por parte de Augas de Galicia (organismo autónomo da Consellería de Medio Ambiente) senón que, ademais, estaríase incorrendo nunha grave irregularidade.
Por último, tamén denunciamos o feito de que a Marisma de Baixoi non figure, a día de hoxe, como espazo natural integrado na Rede Natura 2000, pese a albergar diferentes hábitats naturais e especies de interese comunitario dacordo coa Directiva 92/43/CEE do 21 de maio, co R.D. 1997/1995 do 7 de decembro ou coa Lei 42/2007 do 13 de decembro. A Consellería de Medio Ambiente tampouco prevé a súa incorporación na proposta de ampliación desta rede de espazos protexidos. Non obstante, desde Verdegaia demándase que a Marisma de Baixoi se integre no L.I.C. "Betanzos-Mandeo", cuxos actuais límites chegan até a Praia da Riveira (Miño), moi perto da devandita marisma.