A ría de Cedeira está en trámites de ser declarada Reserva Mariña pola súa riqueza pesqueira e marisqueira. Ademais esta ría contén diversos xacementos arqueolóxicos como acaban de constatar as prospeccións realizadas de xeito preliminar. Mais isto non evita que se vexa ameazada por un proxecto de novo porto deportivo que alteraría e afectaria tanto aos hábitas como aos restos históricos.
Por todo isto, solicitamos a paralización inmediata da tramitación do proxecto por entender que ocasionaría un serio prexuizo ambiental e cultural, do xeito en como foi plantexado.
O proxecto de porto deportivo implicaría a construción dun novo dique e dunha nova superficie portuaria que, ademáis de sepultar con entullos e formigón unha parte do leito mariño da Ría de Cedeira, alteraría as correntes mariñas nesa zona afectando ao aporte de áridos das praias da contorna (Praias de Cedeira e de San Isidro). Por se fose pouco, os aterramentos contemplados destruirían e/ou degradarían os hábitats bentónicos existentes e afectarían aos restos arqueolóxicos.
Ademais, non se plantexaron outras alternativas tales como o aproveitamento das instalacións portuarias existentes para a dotación de novos pantalans que permitan o amarre das embarcacións deportivas, sen necesidade de efectuar novos recheos.
Por último, cómpre salientar que dende o Concello de Cedeira se nos denegou copia do Estudo de Impacto Ambiental do proxecto de referencia, tras solicitalo por escrito dentro do prazo correspondente, remitíndonos dito concello aos servizos centrais do ente público Portos de Galicia, en Santiago de Compostela( é dicir, complicando e dificultando a consulta); cando na Resolución do 16/05/2007 (D.O.G. nº 156 do 13/08/2007), relativa ao proxecto, se especifica que "Para os efectos informativos, poranse a dispor dos administrados exemplares nas seguintes dependencias: … -Concello de Cedeira", tendo constatado a existencia de dito documento nas dependencias deste concello. Como consecuencia desta obstaculización ao acceso á información ambiental, Verdegaia non puido analizar con detalle o proxecto das instalacións náutico-deportivas en Cedeira.