O domingo 7 de xuño o colectivo Sem Um Cam encargarase do segundo mercadiño de troco da Rede Ourense Troca (Amigos da Terra, Amarante, Anacos da Cidade, Sem Um Cam e Verdegaia). Logo do mercadiño do 3 de maio, no que se cambiaron moitas cousas e no que se deu moitísima información sobre a recentemente aberta Cousateca (Rúa do Vilar, 9), vemos como esta actividade se vai asentando e cumpre a súa función de concienciación sobre o noso sistema de consumo.

Esta rede reclama a Zona Libre de Diñeiro tanto para esta actividade como para o funcionamento da Cousateca, que tamén cada día está máis asentada, ten máis socios/as e xa é un lugar de referencia para xestionar todas aquelas cousas que temos na casa, que están en bo estado e que xa non utilizamos.

O mercadiño de troco estará o día 7 de xuño na praza Maior de Ourense a partir das 11:00. Alí pódense trocar todo tipo de obxectos. 

Se alguén non pode ir ós mercadiños de troco (6 de setembro e 1 de novembro), tamén pode pasarse pola Cousateca de 18:00 a 21:00 h de luns a venres e de 10:00 a 13:00 h os sábados.