Islas Cíes Monteagudo y do Faro por Jorge Montero Tapia en Flickr

Islas Cíes Monteagudo y do Faro por Jorge Montero Tapia en Flickr

Ante a publicación do “documento de inicio” para a elaboración do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional MT das Illas Atlánticas de Galicia, as asociacións ecoloxistas demandan á administración que inicie un verdadeiro proceso participativo para a súa elaboración e que se faga pública a información e documentos relevantes para o mesmo.

Solicitan que o futuro PRUX conte con obxectivos de conservación claros e prioritarios que orienten a xestión do PN nos próximos anos, cun plan de seguimento e avaliación efectivo que permita dar cumplimento a estes obxectivos e con ferramentas que garantan a información e a participación real dos diferentes axentes implicados no día a dia do PN.

As asociacións ecoloxistas asinantes foron convocadas o pasado mércores día 29 a sede do PNMT das Illas Atlánticas de Galicia a unha xuntanza na que se anunciou o futuro inicio de procedemento da redacción do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia quince anos despois da súa declaración.

Esta primeira xuntanza reduciuse a unha descripción do procedemento e a unha declaración de intencións, sin ningún elemento concreto documental sobre o que dialogar máis alá do documento de inicio sometido a exposición pública (que é un prólogo das características bioxeográficas do parque nacional e un relatorio da súa historia administrativa).

A Directora Xeral de Patrimonio Natural indicou na reunión que unha vez se dea a coñecer o borrador do PRUX, o prazo de alegacións será dun mes. Os colectivos ecoloxistas consideran que este é  un tempo claramente insuficiente para estudar a proposta, o cal reduce o proceso horizontal desexado a unha mera consulta vertical.

Por elo, durante a reunión, as organizacións pediron á Xunta de Galicia que se aborde a elaboración do PRUX mediante un auténtico proceso participativo, tal e como se recolle nos procedementos do organismo autónomo de parques nacionais e na lexislación vixente de acceso e participación ambiental, e non sexa un mero proceso consultivo.

Co obxectivo de artellar un proceso participativo real, horizontal e consensuado, os colectivos ecoloxistas asinantes demandan á Xunta de Galicia que vaia máis aló do actual proceso de concatenación de xuntanzas ailladas por sectores e manifestan a necesidade de que se organicen xuntanzas conxuntas, xerais e  temáticas con todos os actores sociais determinantes no futuro do Parque Nacional.

Igualmente, e co obxectivo de fomentar unha participación informada, os grupos ambientalistas solicitan  se de acceso publico ós informes e estudos técnicos nos que se baseará o futuro borrador do PRUX e diagnóstico da situación de partida, pois ata o momento non se coñecen.

Asimesmo, consideran que o tempo transcurrido dende a declaración do PN fai necesaria unha actualización do contexto do Parque Nacional que expoña ós principais retos de conservación que deberá afrontar e as leccións aprendidas ó longo destes anos de existencia.

O movemento ecoloxista agarda e quere contribuir a que o borrador do PRUX sexa unha autentica ferramenta de conservación (obxectivo fundamental dun Parque Nacional). Para elo o documento deberá garantir:

  • Obxectivos claros e priorizados que fagan compatible os usos tradicionais e a conservación.
  • Ferramentas para a avaliación e o seguimento dos obxectivos e das medidas
  • Estruturas de participación efectiva e permanente, que garantan os fluxos de información cos sectores e colectivos implicados e a súa contribución nunha xestión ad hoc.
  • Mecanismos de seguimento, vixilancia e control.
  • Dotación dos medios humáns e materiais necesarios para acadar os  obxectivos.
  • Un orzamento suficiente, detallado e cuantificado no documento.

Para concluir, valoramos positivamente as declaración da Xunta en canto a algunhas medidas a incluir no futuro PRUX tales como a implantación de sistemas de localización para as embarcacións de pesca que faenen no PN e a limitación no número de visitantes diario en todas as illas, pero queremos deixar constancia que tal número deberá de estar baseado en estudos de capacidade de carga que garantan un uso público compatible coa conservación.


Foto: Islas Cíes Monteagudo y do Faro por Jorge Montero Tapia en Flickr CC BY-NC-ND 2.0