Logo do éxito da força expedicionária á Serra da Estrela, as Brigadas voltan á casa con dúas accións en Froxán (Lousame) programadas para este mes de xullo.

A primeira, no domingo 10, abrirá unha nova zona de intervención eliminando eucaliptos ao longo do rego da Abelleira, en parcelas con acordos de custodia do territoria coa Fundación Montescola, nas que no próximo inverno plantaremos árbores nativas.

A roga comezará ás 09:30 da mañá logo de nos encontrar nas proximidades da aldea. Apearemos eucaliptos para preparar o terreno para plantar no inverno. Logo do xantar de alboroque, teremos un obradoiro sobre “Montes veciñais: historia e gobernanza“, como parte do proxecto de formación Erasmus+ “Vemo-nos no monte”.

A segunda intervención terá lugar o sábado 23 e nela faremos traballos de consolidación (rozas e balizamento) dunha plantación con frondosas nativas e preparación de pozas de anfibios.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE o xoves día 7 de xullo para a roga do domingo 10 e até o mércores 20 para a roga do sábado 23. Tamén podedes apuntarvos para as dúas intervencións á vez. Por favor, inscríbite só se podes vir.

Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

Colabora co Teaming

Lembramos que tamén se pode colaborar coas Brigadas con 1€/mes a través da Plataforma Teaming das Brigadas.

VÉMONOS NO MONTE!