Este verán escuro para o medioambiente galego, no que a “legalización” inxustificábel da canteira de A Campa no Courel, a aprobación no Consello de Goberno do Plano Acuícola e a autorización do masacre de pombiños na Illa da Toxa marcan unha nefasta deriva nas políticas ambientais do goberno bipartito ven de sumar unha nova desfeita ao ronsel: A Xunta autoriza a ampliación do aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo desprezando as alegacións presentadas e certifica a agonía do río Xallas.
Este proxecto significa a construción dunha toma de caudal 2 km río arriba da ubicación do segundo bosque atlántico máis grande da provincia da Coruña e tamén a máis occidental de Europa, a Devesa de Anllares, nas inmediacións do Pindo, cunha canle de derivación soterrada de 1.550 m que desaugaría mesmo no borde superior da curva de remanso do encoro de Santa Uxía, eliminando o caudal que actualmente permite manter cunha mínima calidade este tramo do río Xallas. A propia empresa, no proxecto, afirma ao respecto das bondades da construción do novo aproveitamento: “con ello el caudal de aproximadamente 32 m3/s que hoy recorre el río de forma improductiva, recorrería en serie las nuevas turbinas” (sic).
Esta auga “improductiva” alimentaría unha potencia de só 6,3 Mw, sendo, xa que logo, absolutamente inxustificábel acometer unha desfeita ambiental desta envergadura para uns resultados tan cativos.
O desprezo polas funcións ambientais e sociais dos ríos do noso país foi característica común do tratamento dado aos ríos polas empresas eléctricas e as anteriores Administracións. Mais semellaba unha etapa superada tras a aprobación da Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa dos Ríos e a paralización dalgunhas minicentrais no río Ulla e Deza.
Pero non, lamentábelmente seguimos nas mesmas. Non existe ningunha razón de beneficio social, nin os posíbeis aforros en emisións contaminantes ou importación de petroleo, que xustifiquen a destrución definitiva deste río e a afección que terá sobre a Devesa de Anllares.
Só a cobiza depredadora dunha empresa, FerroAtlántica, dun empresario, Villar Mir (ambolos dous de traxectoria suficientemente coñecida), e o desleixo, a incompetencia e a falla de valentía política dunha administración desacreditada son os garantes desta barbarie.
Río Xallas, descanse en paz.