O LIC do Rio Anllons pódese ver moi afectado polo proxectoHai unha empresa canadense que proxecta abrir unha mina de ouro en Corcoesto. O proxecto é unha mina a ceo aberto, utilizando como tecnoloxía para a separación do ouro o cianuro.
Esta tecnoloxía, que xa está prohibida en varios países, foi rexeitada polo Parlamento europeo hai cousa de dous anos, nesta Resolución, aprobada por ampla maioría. Nela recomendan a todos os estados da Unión Europea a prohibición do uso do cianuro na minaría, e fan unha exposición de motivos que é realmente interesante de ler.
O noso goberno, lonxe de oír os consellos do Parlamento europeo ao respecto, quere darlle a este proxecto a consideración de “proxecto estratéxico”, segundo unha lei recentemente aprobada polo Parlamento galego. O significado de “proxecto estratéxico” pode resumirse en tres palabras: patente de corso. A empresa que recibe esa cualificación está exenta do cumprimento de moita da normativa tanto ambiental como urbanística. Poden, por dicilo en román paladino, facer o que lle saia do grelo.


Dende a Plataforma pola defensa de Corcoesto (da que fai parte Verdegaia) estamos a presentar alegacións ao proxecto, que está a exposición pública para obter a cualificación de “estratéxico”.
Ademais das alegacións que presentaremos relacionadas con distintos temas do proxecto, fixemos un modelo de alegación xenérico cunha exposición de motivos polos que pensamos que non se lles debe outorgar esa consideración.
Agradeceríamos que o imprimas, poñas nel os teus datos, o firmes e o entregues nun rexistro antes do día 6, que é o último día de prazo para a presentación de alegacións.
As alegacións pódense presentar en calquera rexistro da Xunta, nos “portelos únicos” dos Concellos que os teñan, e tamén por correo. Hai que facer dúas copias: unha para entregar e outra á que deben poñerlle o cuño de rexistro, ben na oficina onde se presente, ben en correos.
Fai rular esta menxase entre as persoas que penses que poidan estar interesadas!
Moitas grazas pola túa colaboración e un saúdo.

Plataforma pola defensa de Corcoesto

Descarga aquí as alegacions ao proxecto