Un cento de representantes de diversos colectivos ecoloxistas e plataformas veciñais manifestáronse o xoves 28 ante as dependencias do Edificio Administrativo de San Caetano, onde se celebrou o Consello da Xunta no que se aprobou o chamado Plano Galego de Acuicultura. O Goberno galego continúa a traballar a prol dos grandes grupos empresariais e contra a opinión da meirande parte das xentes do país. aprobando un plano piscícola que asume, con tendenciosas maquillaxes, o anteriormente proxectado polo goberno de Fraga, e mesmo aumenta o espazo de costa exterior a destruír en máis de 755.000 m2.

A expropiación forzosa porá en mans dunhas poucas empresas (Pescanova, Stolt Sea Farm, Isidro de la Cal e poucas máis) propiedades particulares que Touriño insiste en que serán de titularidade pública e estarán adxudicadas por concurso público, como se iso mudase algo os feitos.

Tamén promete 1.966 empregos directos, cifra dificilmente xustificable debido á mecanización do proceso, como non sexa na fabricación da maquinaria, posiblemente en puntos afastados de Galiza, ou temporalmente, na construcción das propias plantas, e non se refire á calidade deses empregos.

Asemade, o goberno emprega como escusa a non afección á Rede Natura 2000 cando non é certo. En primeiro lugar, parte deses case 3 millóns de metros cadrados de litoral a esnaquizar si están en rede Natura, concretamente o 1,8% e ademais, moitas das macroplantas lindan con espazos protexidos -nos que si se intalarán estruturas de bombeo- hipotecando de por vida a súa posíbel ampliación, as súa paisaxe e as súas augas, ás que verterán refugallos as plantas. En segundo lugar, o bipartito dá o visto e prace a unha ridícula Rede Natura 2000 tamén proxectada polo goberno Fraga, que é, despois de Melilla, a máis pequena do Estado (Galiza  conta co 11,9% do seu territorio protexido baixo esta figura, cando a media española é do 25,5%). E, en terceiro lugar, a ampliación da Rede Natura 2000 prevista polo actual executivo deixa fóra dos lindes de protección xustamente os espazos destinados ás fábricas de peixe, deixando ben ás claras que a política conservacionista neste país se fai na mesa da patronal acuícola.

Loubase tamén de ter contestado a 1.001 alegacións, contestacións que son un compendio de prepotencia e desprezo ao cidadán. Podemos citar como xoia da literatura empregada por eles a seguinte: "Partir do suposto da falta de capacidade técnica e humana da administración -referíndose ao dubidoso control sobre os efectos e vertidos das instalacións xa existentes- constitúe unha apreciación que, por si mesma, descualifica o que sobre a súa base se alega". Por non citar con detalle outras "xustificacións" ou omisións en temas de máis profundidade, como a utilización de dominio público con fins lucrativos particulares ou a ocupación de solo rústico de protección de espazos naturais.

Veciños de Quilmas e Corrubedo, asociacións como Verdegaia, Adega, Greenpeace e a Rede Galiza Non Se Vende, manifestaron a súa protesta durante dúas horas en tanto se celebraba a reunión na que o Executivo galego aprobou a que será unha das máis grandes desfeitas que se producirán no litoral galego: a construción de 13 novas piscifactorias e a consolidación doutras 11 xa existentes, algunhas delas ocupando terreos da Rede Natura.

Esta privatización encuberta do litoral suporá outorgar ás grandes multinacionais a explotación de extensas superficies agora dedicadas á extracción tradicional dos recursos mariños, suprimindo así os medios de manutención de milleiros de familias. E iso sen esquecer a grave contaminación que estas plantas acuícolas ocasionan ao medio mariño, cuxa riqueza se ve esquilmada pola cobiza das grandes transnacionais.

Merece criticarse a actitude do Goberno galego, que non admitíu nin unha soa das mil alegacións presentadas polos colectivos afectados e organizacións ecoloxistas. E todo iso coa endeble xustificación de conseguir aumentar a produción de peixe plano e os conseguintes beneficos para as empresas  do sector, beneficios que agardan aumentar en 50 millóns de euros. Pouco ou nada importa, neste caso, a destrución dunha paraxe e dun xeito de vida sustentable.

Pola súa parte, o BNG manifestou que non asume este plano e informou contra a súa inclusión na orde do día do Consello da Xunta que o aprobou. No entanto, isto non o exime da súa responsabilidade como cúmplice necesario, pois tamén fai parte do goberno que vai dar conta do destrutivo plan acuícola, que agora xa non é só un proxecto do PSdG, senón "un plano de goberno".

Pero o proceso continuará, e entre os colectivos integrados na Rede Galiza Non Se Vende non se descarta a formulación dun contencioso administrativo no momento mesmo en que o presente plano entre en vigor.