autoestrada.jpg

O ministerio de Fomento ven de aprobar unha alternativa para a autovía A-54 entre Arzúa e Palas de Rei que atravesa o LIC Serra do Careón e vai provocar o isolamento de poboacións de dúas especies de plantas únicas do mundo e na actualidade en perigo de extinción.

O grave desta declaración é que o Ministerio basea a súa decisión nun estudo cheo de erros e imprecisións, no que se chegan a citar a presenza na zona de plantas que non existen en Galiza ou de plantas que só podemos topar nos cumios de Ancares. É grave xa que o Ministerio de Fomento recibiu hai máis de ano e medio alegacións da Federación Ecoloxista Galega (FEG) a ese proxecto onde se citaban todos eses erros. Porén, moito pior aínda que os erros son as ausencias, pois ignora a presenza das diversas especies exclusivas do LIC Serra do Careón, en perigo de extinción, que converten a esta zona nun lugar único en Europa.

Detectado estes problemas, a actitude responsábel sería a de recomezar o proceso realizar estudos rigorosos sobre o posíbel impacto de cada unha das alternativas desa autovía, aínda máis se consideramos que no ano 2006 un informe técnico da Consellaría de Medio Ambiente desaconsellaba totalmente calquera actuación que rompese a continuidade do LIC.

Mais nesta ocasión, Fomento considera máis importante satisfacer intereses políticos netamente localistas que cumprir a lexislación europea e estatal sobre a Rede Natura ou as leis galegas sobre especies en perigo de extinción. Nesta lamentábel tarefa foi colaborador necesario o Conselleiro de Medio Rural e un Director Xeral de Conservación máis preocupado do asfalto que da biodiversidade.

Coa aprobación do trazado da A-54 que fragmentará o LIC Serra do Careón en dous, as administracións estatal e galega convértense nas principais agresoras contra o ambiente que teñen deber de protexer. Alén diso, transmiten cara a sociedade que as leis ambientais só serven para ser transgredidas.

Boa mostra disto é a iniciativa dos empresarios da vila de Melide que, ante a elaboración do novo PXOM do concello piden desprotexer máis Rede Natura para poder ampliar un polígono industrial que, dado o seu impacto sobre a biodiversidade, hai anos que debería ser sacado do seu emprazamento. O argumento para solicitar a liquidación de máis área protexida: “isto xa se fixo coa A-54 ”

A A-54 serve tamén como base para un outro argumento dos empresarios melidenses en contra da creación dun novo parque empresarial: o trazado da autovía pasa moi perto da vila e non deixa lugar para unha hipotética ampliación do novo polígono. Ú-la planificación territorial?

Ante o desleixo das administracións galega e estatal, a FEG denunciará esta agresión ao noso patrimonio natural perante a Comisión de Peticións da UE