A xuízo de Verdegaia, promotora do manifesto "Dez razóns para pechar as térmicas de carbón", que avoga pola clausura canto antes das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, urxe a substitución do carbón en Galicia e no Estado español para avanzarmos na construción dun modelo enerxético sustentable, autónomo e intensivo en emprego. Por iso, demanda o cesamento de todas as axudas ao carbón, a penalización da súa importación e un imposto sobre as emisións de dióxido de carbono (CO2), o que xeraría diñeiro público para o fomento do aforro enerxético e as renovables e para a creación de alternativas sustentables de emprego nas comarcas cuxa economía depende do carbón.
Prolongar indefinidamente, con axudas públicas directas e indirectas, a vida das térmicas de carbón, centrais eléctricas moi ineficientes e intensivas en emisións de CO2 -o principal gas causante da mudanza climática- resulta irresponsable no contexto dunha crise ecolóxico-enerxética global que, de non se atallar rapidamente, acabará tendo consecuencias moito peores que a actual crise económica. Os custos de renunciar ao carbón son moi inferiores aos custos -trasladados en parte a outros pobos e ás xeracións futuras- de usalo, así como aos beneficios económicos e socioambientais que conlevaría substituílo polo aforro enerxético e as renovables. Dado que, en calquera caso, o futuro das térmicas de carbón albíscase moi pouco prometedor, para os propios traballadores afectados sería preferible un peche por decisión política e considerado para os seus intereses a un peche brusco e traumático.
Centrais térmicas de carbón si ou non é o principal test de credibilidade do compromiso na loita contra o cambio climático e por un modelo enerxético sustentable. Un test que están a suspender todos os partidos parlamentarios que, nos momentos en que dirixiron a Xunta, usaron o argumento da necesidade de substituír as enerxías máis sucias para favoreceren o crecemento da enerxía eólica -sen unha planificación respectuosa coa biodiversidade- e a instalación dos ciclos combinados a gas natural -alimentados por unha regasificadora ilegal, impactante e perigosa- e que, agora, cando está ao noso alcance prescindir do carbón sen comprometer o consumo eléctrico galego, tocan a rebato para defender a produción das industrias galegas máis insustentables.