antinuclearcentral.jpgA confederación estatal Ecoloxistas en Acción deplora o nomeamento de Fabrizio Hernández como Secretario de Estado de Enerxía do Ministerio de Industria, pois trátase dunha persoa con perfil claramente pronuclear que se caracterizou por defender os intereses da industria nuclear face aos xerais da cidadanía. Hernández traballou como perito na consultora que realizou o informe que Nuclenor (formada ao 50% por ENDESA e Iberdrola) usou para demandar ao Goberno central case 1.000 millóns de euros polo peche da central nuclear de Garoña.

Ecoloxistas en Acción non pode por menos que deplorar o nomeamento do novo Secretario de Estado de Enerxía, Don Fabrizio Hernández. É ben coñecido que este señor traballaba como perito na consultora que realizou o informe que Nuclenor usou para esixir ao Goberno estatal 951 millóns de euros polo peche da central nuclear de Garoña (Burgos). Cando menos causa sorpresa e desconcerto o nomeamento como alto cargo dunha persoa disposta a que o erario público gastase esa enorme cantidade de diñeiro para poder pechar unha central nuclear, para o que ten potestade o Ministerio.

É posible que, dado o traballo previo do Señor Hernández, o seu nomeamento vulnere a Lei de Incompatibilidades, polo que Ecoloxistas en Acción vai estudar o caso con detemento.

Pero, ademais das posibles incompatibilidades legais que o devandito nomeamento puidese entrañar, segundo a Lei de Incompatibilidades, este nomeamento está rodeado de sombras dende o punto de vista político. O traballo previo do Señor Hernández para a industria nuclear bota serias dúbidas sobre a súa imparcialidade e sobre se o seu traballo se dirixirá á defensa dos intereses da cidadanía ou, máis ben, a defender os intereses da industria nuclear que, seguramente, o recibirá de novo cos brazos abertos tras o seu paso polo Ministerio. Unha persoa con coñecementos do funcionamento interno do Ministerio de Industria resultará clave para a industria nuclear española.

A colocación á fronte da Secretaría de Estado dunha persoa con este perfil tan pronuclear é tamén significativa posto que anuncia un compromiso crecente do Ministerio de Industria coa enerxía nuclear. Contrasta esta actitude de apoio á enerxía nuclear co cuestionamento crecente que se fai do apoio ás enerxías renovables, nas que España é claramente competitiva e ten unha posición de liderado.

Por todo iso, Ecoloxistas en Acción deplora o nomeamento de Fabrizio Hernández como Secretario de Estado de Enerxía e pide ao Goberno que o reconsidere.