Ence tense gañado a pulso un posto de honra no podio dos desastres socioambientais da Galiza. En primeiro lugar, polo seu impacto directo: É a industria responsable da contaminación por mercurio (o máis velenoso dos metais pesados) na Ría de Pontevedra, destruíndo o ecosistema e privándonos dunhas excelentes zonas de marisqueo e baño. Ence é tamén é promotora e responsable da eucaliptización do país: As ubicuas plantacións de eucalipto que poboan a Galiza ( aproximadamente 40% da superficie forestal)1 non terían senso sen esta industria.

Estas plantacións reducen drasticamente a diversidade, a riqueza do solo e os recursos hídricos dos nosos montes en aras dun beneficio que cada vez é menor: O prezo da madeira de eucalipto para pasta de papel diminúe ano tras ano, victima da golobalización neoliberal que permite plantalos en enormes extensións en Africa e Sudamérica a un prezo irrisorio, deixando milleiros de labregos e labregas na miseria.

Por todos estes motivos apoiamos a manifestación convocada pola APDR para este sábado ás 11:30 desde as Alamedas de Marín e Pontevedra. Agora toca saír a rúa e dicir NON A ENCE NA RÍA.

Mais pouco avanzariamos se nos conformaramos con mudar ENCE de lugar. O que compre é unha radical transformación da industria do papel fundamentada na redución do consumo de papel e no emprego de sistemas de produción limpos e garantindo a responsabilidade social das industrias do ramo. Precisamos consumir radicalmente menos papel que na actualidade, e que este papel o fabrique unha industria que dependa menos da fibra virxe das árbores, maximice o uso dos materiais reciclados, respecte os dereitos territoriais da poboación local, ofreza emprego e teña impactos sociais que sexan beneficiosos, non teñan conflitos e sexan xustos. Todo o papel debe vir de fibras de fontes responsábeis e sustentábeis utilizando enerxía completamente renovábel, con auga que estea igual de limpa antes e despois da produción do papel e que non produza ningún residuo nin emisión.

No ano 2006, Verdegaia asinou xunto co Movemento Forestal Europeo o documento "Unha visión común para transformar a industria europea do papel1" na que se recollían pormenorizadamente os pasos a dar para acadar esta radical transformación. Lamentáblemente, nin a industria nin as administración teñen demostrado ningún interese en correxir unhas prácticas enormemente dañinas tanto ambiental como socialmente.

Así mesmo, compre definir o destino dos terreos agora ocupados polo complexo ENCE-Elnosa xa que, no caso do desaloxo, é moi probable que intereses especulativos traten de urbanizar os mesmos, vendendo as parcelas como zoa privilexiada cara á ría. Neste senso, Verdegaia esixe do Concello de Pontevedra e da Xunta de Galicia o compromiso de non planificar máis usos na zoa gañada á ría para proxectos urbanísticos e o compromiso de planificar un plano de devolución á ría do terreo recheo para a construción do complexo ENCE – Elnosa.

Toca poñerse man a obra mudando a industria e mudando a xestión dos nosos montes, acoutando as plantacións e diversificando a produción do monte e facendo unha planificación sostible do territorio. Mais sobre todo toca reflexionar sobre os nosos hábitos de consumo e preguntármonos como satisfaremos as nosas necesidades materiais sen hipotecar a nosa riqueza natural.

1Unha visión común para transformar a industria europea do papel http://www.verdegaia.org/content/view/1241/84/

2 Unha Visión Común sobre o problema das plantacións de eucalipto . http://www.verdegaia.org/content/view/1241/84/