O vindeiro 22 de maio celébranse eleccións municipais e, novamente, atopamos unha realidade socio-ambiental moi mellorable a nivel galego e tamén no eido local. Verdegaia quere dar a coñecer algúns aspeitos da realidade ambiental do concello de Santigao de Compostela e para iso, durante estas semanas sacará unha serie de notas de prensa temáticas nas que se analizará o estado de diferentes aspeitos ambientais cunha óptica constructivista.

Na actualidade atopámonos nun momento de crise ecolóxica, (que non só económica), a nivel mundial. A superación dos límites biofísicos da terra é un asunto de que se vén falando hai décadas e do que poucos proxectos políticos pareceron ocuparse ata que a realidade do mudanza climática foi evidente, a contaminación das augas chegou ata os nosos ríos ou as reservas de petróleo parecen esgotarse irremediablemente afectando o noso peto de maneira directa.

Esta crise global ten efeitos a nivel local e viceversa, as actuacións no eido local afectan a nivel global. Por este motivo a óptica municipal pode ser de suma relevancia para buscar saídas viables e xustas dos puntos de vista social e ambiental.

A xestión municipal dos concellos é de suma relevancia para frear os impactos derivados da crise ecolóxica xa que é a administración que maior coñecemento e proximidade ten co territorio, sendo ademais, a interlocutora directa coa cidadanía e cos movementos sociais. Estes dous factores fan que os concellos sexan un dos axentes con meirande capacidade de actuación a nivel local, con posibilidades de pór en andamento liñas de traballo diferentes, de promover unha mudanza de modelo real do desenvolvemento local cara a sociedades máis xustas desde a óptica ecolóxica.

A aposta municipal nunha mudanza clara das tendencias socioambientais é fundamental para provocar cambios no noso territorio máis inmediato, mais tamén a nivel global, buscando as esferas temporais do medio e longo prazo, e fuxindo do efecto electoralista dos resultados a curto prazo.

Para lograr sociedades sustentables e ecoloxicamente xustas precísase, así, dunha aposta real por políticas ambientais que entendan o carácter sistémico do medio ambiente e actúen desta perspectiva, integrándoo en todas as súas dimensións e ámbitos de actuación, da participación pública ata a xestión de residuos.

Así, Verdegaia irá sacando notas de prensa nas que se tratarán diferentes factores ambientais do eido local, (augas residuais, residuos sólidos urbanos, contaminación lumínica ou mobilidade, entre outras), buscando unha análise crítica do seu estado actual e coa intención de propór liñas de actuación que integren o factor da sustentabilidade ecolóxica dentro das políticas municipais.