Segundo os datos divulgados na web da Consellería de Medio Ambiente,as emisións de dióxido de carbono (CO2) dos sectores industriais aos que se lles aplica a Directiva de Comercio de Emisións reducíronse en Galicia nun 17,2% durante 2010 a respecto de 2009. A caída das emisións acumulada desde 2007 é practicamente do 50%. O recorte foi aínda maior no sector eléctrico, que aínda así é responsable das dúas terceiras partes das emisións totais. A central térmica de carbón de ENDESA nas Pontes emitiu durante 2010 tanto CO2 coma o resto das industrias galegas que participan no comercio europeo de emisións.
Os sectores industriais que participan no comercio de emisións emitiron 8.954.703 toneladas de CO2 durante 2010, fronte ás 10.823.243 de 2009. As emisións destas industrias representan o 41% das emisións totais de gases de invernadoiro causantes do cambio climático desde Galicia (en 2008, último ano para o que se dispón de información sobre as emisións totais). Á espera dos datos oficiais, é previsible que as emisións totais –que inclúen, ademais das industriais, as dos demais sectores: transporte, doméstico, agrario,…- volvesen diminuír en 2009 e 2010, continuando o descenso iniciado en 2008 por causa sobre todo da crise económica.
A central térmica de carbón das Pontes continuou a ser a maior fábrica de cambio climático de Galicia durante 2010. A pesar de seren as centrais eléctricas máis ineficientes e máis intensivas en emisións de CO2, o principal gas de efecto invernadoiro, as térmicas de carbón das Pontes e de Meirama continúan a ter un papel importante no sistema eléctrico galego, achegando en conxunto un 20% da produción eléctrica no ano pasado. O carbón é o combustíbel fósil máis contaminante e aínda o máis empregado na xeración de electricidade en Galicia, malia que a súa participación continuou a decrecer en 2010. Entre 2007 e 2010 a xeración de electricidade sucia nas térmicas de carbón caeu perto dun 60% e durante o ano pasado foi superada tanto pola produción hidroeléctrica como pola eólica.
A crise económica, xunto coa perda de peso do carbón no “mix eléctrico”, explica a diminución das emisións de gases de invernadoiro rexistrada en Galicia durante os últimos anos. Este descenso ten que se consolidar e continuar. A crise debería ser unha oportunidade para iniciar a transición cara a unha economía baixa en carbono, sustentábel e xusta. Porén, mentres a Xunta segue a atrasar o Plan de Loita contra o Cambio Climático, dá continuidade a políticas insustentables que favorecen o transporte por estrada coa construción ou ampliación de máis grandes infraestruturas, que defenden a produción eléctrica con carbón, ou que aumentan a incineración dos residuos urbanos.
Emisións de CO2 (en toneladas) por sectores industriais en 2009 e 2010
Sector |
Número de instalacións |
Emitidas 2009 |
Emitidas 2010 |
Xeración eléctrica |
5 |
7.840.085 |
6.032.361 |
Instalacións Combustión-Coxeracións |
33 |
1.159.918 |
1.153.297 |
Refino de petróleo |
1 |
1.185.985 |
1.199.010 |
Produción cal e cemento |
2 |
354.609 |
334.674 |
Produción cerámica (tellas, tixolos, azulexos, baldosas) |
14 |
102.284 |
81.712 |
Produción pasta e papel |
2 |
108.087 |
113.810 |
Produción aceiro |
1 |
47.424 |
39.209 |
Fabricación vidro |
1 |
24.851 |
0 |
Total |
59 |
10.823.243 |
8.954.073 |
Emisións de CO2 (en toneladas) das industrias do sector eléctrico en 2010
Central |
Emisións |
Central térmica de carbón das Pontes |
4.457.122 |
Central de ciclo combinado a gas natural das Pontes |
274.269 |
Central térmica de fuel de Sabón |
Inactiva |
Central de ciclo combinado a gas natural de Sabón |
531.495 |
Central térmica de carbón de Meirama |
769.275 |
Total |
6.032.361 |