Verdegaia solicita a anulación do estudo de impacto ambiental publicado pola Demarcación de Costas de Galiza para as súas obras previstas nas Brañas de Laíño. O proxecto promovido hai xa sete anos baixo o nome de “Parque linear nas ribeiras do río Ulla” carece de calquera fundamentación científica que xustifique a implantación de paseos de formigón, aparcadoiros no miolo da zona protexida, embarcadoiros, praias artificiais e asfaltado de pistas. A intervención, que rebautizada como “Actuacións ambientais…” fora sometida hai tres anos a un primeiro trámite de exposición pública, recebira xa unha forte oposición por parte de Verdegaia, da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e mesmo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza que rexeitaba as construcións propostas.

A extraordinaria biodiversidade desta paraxe tradúcese na presenza de 119 especies de aves consideradas en catálogos de protección, tamén de 20 especies de mamíferos, 14 de réptis, 12 de anfíbios, 6 de peixes, 7 de invetebrados e 9 Habitats de Interese Comunitario (HIC) dos que dous son prioritarios. Un bo feixe das devanditas citas de fauna protexida son ademais especies ameazadas ou en serio perigo de extinción.

Na alegación apresentada esta sexta-feira, Verdegaia denuncia que se teña despachado o capítulo máis importante da memoria, o de "Valoración da incidencia ambiental", sen tratar as afeccións sobre nengunha das especies animais ou vexetais que confiren ao espazo protexido a súa riqueza natural, para rematar concluindo -sen fundamentación- que "non se vaian producir afeccións relevantes". O documento, con máis de cincocentas páxinas co carimbo dunha consultora madrileña, carece de metodoloxía e póderíase describir como unha interminábel morea de relatorios xeotécnicos, máis propios dunha autoestrada que dunha actuación ambiental. No uso lingüístico, a falta de respecto pola toponimia e o emprego exclusivo de nomes foráneos para os animais e plantas específicos do lugar reflicten un fondo desprezo para o noso patrimonio e moi pouca sensibilidade na actuación. O defecto de forma e fondo é grave e xeralizado, polo que cómpre a súa reorientación desde o comezo.

Tamén se alega que Costas ignora no informe as importantes agresións ambientais presentes actualmente, como a existencia de vertedoiros de lixo, a contaminación por augas sen depurar, a dramática transformación da braña – producida hai algúns anos pola abusiva extracción de area do río, a presenza de especies exóticas invasoras, o arraso na vexetación de ribera de varios afluentes do Ulla e mesmo o abandono dun tradicional e sustentábel aproveitamento labrego que participaba no equilibro ecolóxico deste espazo probabelmente desde tempos do neolítico.

Non figura directriz algunha de coordenación co plano de recuperación da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para a crítica escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniculus sp. lusitanica) da que fican aproximadamente unha ducia de parellas. O programa non é nen mencionado. Sobre este paxaro, Costas non é quen de velo, declarando no capítulo de inventario ter a "certeza de que non habita na zona de actuación", ao contrario que o grupo de anelamento Anduriña, a SGHN e a propia Xunta que levan anos ao axexo desta alfaia da braña; mesmo celebrando aquí unha palestra estatal o pasado ano xunto coa SEO, por ser este o seu espazo senlleiro.

Tamén moran en Laíño a folosa acuática (en perigo de extinción), o picanzo vermello (de interés especial), a fulepa das xunqueiras, o espilido picapeixes, os simpáticos charnecos e lavancos, a fachendosa garza cincenta, a maxestuosa águia peixeira ou a lixeira tartaraña das xunqueiras entre un abano de 163 aves diferentes. É o fogar tamén da lontra – recuperándose cada vez máis, o porco-teixo e o raposo entre outros mamíferos.

Na flora temos desde fragas até canaveiras, espadanedas e prados, pasando polo estourido dos bosques de ribeira. Nas xunqueiras agóchase -entre os outros- o escasísimo Schoenoplectus pungens, un xunco en perigo de extinción do que se teñen contados menos de 2 millóns de pés en toda a península (e que o proxecto de Costas non menciona por nengures). Son interesantes tamén as cristas de galo da familia das orquídeas, a Filipéndula ulmaria cos efectos da aspirina, a uva de can da cultura menciñeira, a agana que calla o leite para facer queixo, a herba das escaldadelas de múltiplas aplicacións para a industria farmaceutica como tamén a Abeloura ou o Frundio que recende a incenso e escorrenta os mosquitos.

Cabe destacar a responsabilidade que ten o noso país na conservación da natureza ficando patente no derradeiro foro europeo que posuímos a maior biodiversidade de Europa. Esta responsabilidade debe traducirse en actuacións conservacionistas nos nosos espazos naturais, máxime cando están catalogados na Rede Natura 2000 e son ecosistemas húmidos da riqueza da que estamos a falar.

Estas brañas foron descritas xa polo Frei Martín Sarmiento no S. XVIII, citadas como "famosas" por Madoz no S. XIX e mesmo cantadas por Rosalía nas súas poesías. Tamén foron prezados os seus produtos en toda a península ibérica, destacando os chamados Bois de Laíño ou os tecidos de xunco. A este respecto, formúlase na alegación que a desatinada aplicación da lei de Costas en desafortunada combinación cunha anterior concentración parcelaria foi un dos factores que incideu no afastamento da actividade agraria, e no abandono e a degradación do histórico ecosistema nos últimos trinta anos (precísamente baixo a responsabilidade de Costas).

Verdegaia leva tres anos a organizar actividades en colaboración co grupo de anelamento Anduriña, a concellaría de desenvolvemento local de Dodro e diferentes persoas especializadas no patrimonio natural e cultural da braña. A medio de roteiros, publicacións, achegas a medios de comunicación e a relación coas admninistracións tentamos promover a recuperación e valorización do senlleiro espazo sempre co coñecimento e a participación da veciñanza e a sociedade galega en xeral.

Os plans edificatorios da administración central non poñen solución a nengún dos problemas ambientais deste espazo protexido e mesmo infrinxe os principios de protección do litorial, estabelecidos -tanto na letra como no espírito- na propia lei de Costas. De seguir adiante con esta teima, asistiremos a unha nova agresión para a flora, fauna e xea do lugar; alén de afondar nunha desvalorización da verdadeira riqueza das Brañas de Laíño que foron -e deben seguir sendo- unha fonte de vida, diversidade, e dinamismo para o noso territorio e a nosa comunidade.

Por todo isto Verdegaia demanda que se reformule o investimento de 2,2 mill. de euros, desde os seus alicerces e cara unha verdadeira actuación ambiental en beneficio da conservación, valorización e divulgación do patrimonio natural e cultural das Brañas de Laíño.

Máis info:

pdf Alegacións a actuacion de Costas nas Brañas de Laiño

pdf Guía sobre as Brañas de Laíño