panorama_de_santa_comba_dende_o_aparcamento_pequeno_1.jpgTrala aprobación, esta semana, por parte do concello de Ferrol, dun convenio para a creación dun campo de golf en Santa Comba (Covas), Verdegaia manifesta o seu total rexeitamento a tal pretensión por implicar a ocupación e a degradación de dous espazos naturais protexidos integrados na Rede Natura 2000: o Lugar de Interese Comunitario “Costa Ártabra” e a Zona de Especial Protección para as Aves “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”.

A construción dun campo de golf en Santa Comba implicaría a destrución de hábitats naturais de interese comunitario que motivaron a protección da zona (formacións dunares e hidromorfas principalmente), como consecuencia dos movementos de terras e da súa substitución por campos de céspede e outras especies vexetais exóticas. Asimesmo, implicaría un incremento significativo da presión humana sobre a zona, en prexuízo da fauna e da flora silvestres.

Ante as declaracións públicas feitas polo concelleiro de deportes Leopoldo Ibáñez, calificando parte da zona afectada coma un “tojal”, queremos dicirlle que a zona que se pretende afectar está constituída por hábitats de interese comunitario recollidos na lexislación ambiental (directiva Hábitats), tales como dunas grises e brañas, principalmente. Precisamente, entre as comunidades a protexer pola lei están as toxeiras das que o concelleiro, amosando un total descoñecemento sobre a materia, fala de forma tan despectiva.

Por outra banda, é totalmente falso que os campos de golf sexan respectuosos coa natureza, como afirman os seus promotores, pois aos impactos ambientais anteriormente sinalados, hai que engadir o consumo de inxentes cantidades de auga que precisan para o seu mantemento; o consumo de auga dun campo de 18 buratos é equivalente ao consumo de auga dunha cidade como a de Ferrol.

Parécenos lamentábel neste senso a afirmación do alcalde durante o pleno no que manifestou que “de momento el cambio climático no ha llegado a Ferrol”, o que demostra unha vez máis, xa non só a súa falta de sensibilidade ambiental, senón a súa ignorancia e a súa incompetencia para estar no cargo que ocupa.

Sospeitamos que, detrás do campo de golf, agóchanse outros intereses de maior lucro, como a construción de urbanizacións no seu contorno inmediato, tal e como se pretendeu facer no fallido campo de golf en Lobadiz (San Xurxo), no que estaban contemplados arredor de 400 chaletes, e como xa se está a facer no campo existente na parroquia do Val (Narón).

Dende Verdegaia, consideramos unha irresponsabilidade pretender sacrificar, como xa afirmara o señor Tenente de Alcalde, “el lugar más bonito de todo el norte de Galicia”, para que se beneficie unha minoría. Precisamente este lugar ten, en efecto, unha beleza paisaxística fóra do común (a pesares de ter sufrido unha concentración parcelaria) porque, dentro do que cabe, aínda non foi devorado pola especulación urbanística. En calquera caso, a lexislación ambiental en vigor (Lei 4/1989, Directiva Hábitats, etc.) impediría a construción do pretendido campo de golf neste espazo protexido da Rede Natura.

En consecuencia, dende Verdegaia, tentaremos por tódolos medios impedir a construción do campo de golf. Agardamos tamén que a Xunta de Galicia, no seu “afán” de preservar o litoral, se manifeste en sentido desfavorable a este proxecto e faga cumprir a legalidade.