Perto dun centenar de expertos veñen de debater sobre a corrupción urbanística nas II Xornadas sobre Delincuencia Urbanística organizadas por Ecologistas en Acción. Coincidiuse na necesidade de adaptar a normativa penal a este tipo de delincuencia asociado a importantes tramas de corrupción e branqueo de diñeiro. As paralizacións cautelares e a demolición de construccións ilegais considéranse imprescindibles como mecanismo disuasorio.
Fiscais, xuíces, avogados, axentes forestais e garda civil interviron nas II Xornadas sobre Delincuencia Urbanística organizadas pola confederación ecoloxista estatal Ecologistas en Acción. Das diferentes intervencións conclúese que a complexidade das tramas que se agochan por tras da actividade urbanística ilícita dificulta enormemente a súa investigación. En parte, chegouse a esta situación porque non funcionan os mecanismos de prevención, ben por falla de medios, ben por implicación coa actividade ilícita (servizos de inspección e de disciplina urbanística de concellos e comunidades autónomas, etc). Para deter esta tendencia cómpre pór en marcha mecanismos disuasorios e que impidan a execución de proxectos que deixan sen valor as sentenzas posteriores, aínda que anulen os devanditos proxectos. Neste senso, a demolición das construccións ilegais e as paralizacións cautelares son imprescindibles.
A pesar de que existen actuacións ilegais puntuais como construccións illadas en solo protexido, éstas non son o perigo principal a nivel estatal. O grave problema son os grandes proxectos modelo “resort” promovidos por grandes empresas construtoras que contan coas licenzas e autorizacións administrativas pertinentes. Nestes proxectos, ás veces, a cumplicidade das administracións locais e autonómicas dificulta a actuación penal, dado que os proxectos superaron todo un procedemento regrado. Porén, as licenzas, informes favorables, etc concédense de forma irregular e forzando a interpretación das diferentes normativas urbanísticas e ambientais.
Perante esta situación, o Código Penal maniféstase claramente insuficiente e require ser actualizado a unha realidade complexa e a unha sofisticada delincuencia.
Avanzos
Os expertos valoraron positivos os avanzos producidos nos últimos anos, como a creación da figura do Fiscal Coordenador de Medio Ambiente e Urbanismo, a nova Lei do Solo, as modificacións introducidas na Lei de Augas nas que se requiren informes das Confederacións Hidrográficas, a Lei de Avaliación de Planos e Programas, ou a Lei de acceso á información e á xustiza.
A pesar disto, e para que estas leis teñan unha aplicación real sobre o terreo, requírense máis medios económicos para crear fiscalías de medio ambiente en todas as provincias. Á fronte delas, debería haber, polo menos, un fiscal especializado e con dedicación exclusiva. Este número debería incrementarse nas zonas con maior poboación e máis actividade urbanística. Igualmente precísase unha maior formación, na materia, de xuíces e tribunais.
Máis información:
Web sobre urbanismo de Ecologistas en Acción