wed2008_logo.jpgVerdegaia denuncia que as centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama emitiron en 2007 tanto dióxido de carbono (CO2) como 660.156 familias españolas con hábitos enerxéticos insustentables. En 2008, a ONU dedica o Día do Ambiente (5 de xuño), a chamar a atención sobre a necesidade dunha economía baixa en carbono. En Galicia, iso pasa hoxe sobre todo por reducir drasticamente a produción eléctrica con carbón. Porén, a Xunta segue sen facer nada neste senso.

Centrais térmicas de carbón como a das Pontes (ENDESA) e a de Meirama (UNIÓN FENOSA) so pouco eficientes e moi intensivas en emisións de CO2. As reformas de que son obxecto para queimaren só carbón de importación desde este ano a penas mellorarán a súa eficiencia e reducirán as súas emisións de CO2.  A pesar de se teren duplicado as emisións do sector do transporte en Galicia entre 1990 e 2006, a produción eléctrica nas centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama segue a ser, con diferenza, a principal fonte de GEI no nos país, supoñendo nada menos que o 37% das emisións totais en 2006, fronte ao 20% do transporte, o segundo sector que máis contribúe ás alteracións climáticas desde Galicia. As centrais térmicas de carbón  emitiron en 2006 1,9 veces máis CO2 que todos os coches, autobuses e camións que circularon polas estradas galegas nese ano.

Ningún Goberno autonómico que, como o actual e como os anteriores, diante das maiores "fábricas de mudanza climática" de Galicia olle para outro lado, se pode considerar seriamente comprometido na loita contra a mudanza climática, o maior desafío ambiental global.  A Xunta non reclamou ao Goberno central unha menor asignación de permisos de emisión de CO2 ás térmicas de carbón, para desincentivar máis a xeración eléctrica con carbón. Tampouco endureceu o débil imposto autonómico sobre a contaminación atmosférica, que non grava as emisións de CO2 e que até hoxe moi pouco contribuiu á redución das emisións doutros gases das térmicas, que resultaron da aplicación de lexislación europea.  O Plano Enerxético 2007-2012 que elabora a Consellería de Innovación e Industria prevé que as emisións totais das centrais térmicas non se reduzan, a pesar da entrada en funcionamento das dúas novas centrais térmicas de ciclo combinado a gas natural das Pontes e de Sabón, máis eficientes e menos contaminantes cás de carbón.

Plano Galego para a Redución das Emisións de GEI 

A xuízo de Verdegaia, o Plano Galego para a Redución das Emisións de GEI, cuxa presentación ten sido anunciada en diversas ocasións desde o comezo da lexislatura e  sucesivamente atrasada, debería incluír tamén medidas para a redución sustancial das emisións das centrais térmicas, entre outros sectores. Este Plano, de cuxa coordenación é responsable a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, tería que implicar a todo o Goberno e debería incluír un conxunto de accións capaces de facer que o aumento das emisións totais de GEI no período 2008-2012 non superase o 15% a respecto de 1990 -limite  co que se comprometeu o conxunto do Estado español para cumprir o Protocolo de Quioto- e atinxir no ano 2020 unha redución do 30%. Entre 1990 e 2006, as emisións de GEI aumentaron en Galicia o 20,5%, moito menos que en España -o estado máis afastado do cumprimento do Protocolo de Quioto- pero moito máis que no conxunto dos países industrializados.

 

Nota: A comparación entre as emisións de CO2 das centrais térmicas de carbón galegas e as das familias españolas baséanse, por un lado, no dato de emisións das térmicas en 2007 difundido pola Consellería de Medio Ambiente (14.048.139 toneladas) e nun estudo que estimou as emisións diarias de CO2 dunha familia española de cinco membros con residencia nunha vivenda de 110 m2  no levante español nun día de inverno, en dous supostos: con hábitos enerxéticos insustentables e con hábitos enerxéticos sustentables. No primeiro caso, as emisións de CO2 serían de 58,32 kg/día e no segundo de 29,02 kg/día. Polo tanto, se consideramos familias que adoptan hábitos enerxéticos eficientes, as emisións das térmicas das Pontes e de Meirama equivalerían ás de 1.326.547 familias, en lugar de 660.156.